O PP exixe ''amparo legal'' para ''todas'' as actuacións da policía

[Imaxe: Galiza Contrainfo]

Aliás, reclama ao Goberno español que incremente as penas contempladas no Código Penal actual para "agresións e resistencia á autoridade". Segundo defenden, gravar os castigos é a maneira acaía para "evitar os enfrontamentos". 


O PP instou o Goberno español --é dicir, a si propio-- a mudar o Código Penal para punir máis aínda os delitos de agresións e resistencia perpetrados contra axentes da policía "para evitar enfrontamentos que na actualidade propician conflitos físicos e agresións de considerábel gravidade".

Á formación conservadora non lle parecen suficientes os catro anos de prisión ou seis meses de multa que contempla o CP actualmente e defenden que unha lexislación máis dura "tería un efecto preventivo e disuasorio moi eficaz". 

Por esta causa, e desouvindo os informes do Consello de Europa en que se denuncia o "uso desproporcionado da forza" por parte da policía e se poñen en cuestión as intervencións dos antidisturbios, o PP levou ao Congreso a proposta de endurecer o CP a través dunha proposición non de lei rexistrada polo portavoz d@s conservador@s, Alfonso Alonso. Para alén desta demanda, exixen tamén que "todas" as actuacións realizadas pola policía conten con "amparo legal".