O PP fica só defendendo a xeneralización da consulta sanitaria por vía telemática

Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, compareceu na comisión de reactivación do Parlamento galego.

Non se pode combater a pandemia só con restricións de mobilidade e confinamentos, advertiu o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, que situou fulcral pór fin á precarización e privatización do sistema sanitario galego, fortalecendo e mellorando en primeiro lugar a Atención Primaria. 

"Durante os anos 2017 e 2018 o Goberno galego reduciu de maneira dramática os recursos do sistema sanitario público con 18% menos de orzamento, recortando máis de 1.000 camas, eliminando por riba de 500 prazas de persoal médico e máis de 1.120 de persoal non  sanitario", relatou esta segunda feira, 9 de novembro, o doutor Manuel Martín para introducir a súa exposición en nome de SOS Sanidade Pública na comisión de reactivación económica, social e cultural no Parlamento. 

Aliás, Manuel Martín responsabilizou a Xunta da Galiza, por "desmantelar as áreas sanitarias", das dificultades de coordinación que se sofren entre a Atención Primaria e o resto de servizos. 
Un dos puntos que máis debate xerou na comisión foi a atención telefónica que a Xunta xeneralizou nos centros de saúde "aproveitando a crise do coronavirus", dixo Martín, que denunciou que as liñas telefónicas están saturadas e que moitas persoas teñen que chamar até en 20 ocasións para poder contactar nalgún momento co seu centro.

Asociacións  que apoian a implantación da atención telefónica apuntan, precisou Martín, a que esta non supoña máis de 20% do volume de consultas. Porén, na Galiza é o presencial o que está en 23% segundo o propio Sergas, denunciou o portavoz de SOS. 

O doutor lamentou que se reduza a capacidade dos centros sen que se habiliten novos espazos, obrigando pacientes a facer fileiras fóra, "ao ar libre".  

Así respondeu Martín á deputada do PP, Encarnación Amigo, que botou a responsabilidade sobre as médicas e médicos da Primaria, xa que son eles "quen deciden" se atender por teléfono ou se fan unha consulta persoal ao paciente. A dificultade está en contactar co centro e co médico, volveu insistir Martín. "Nunca tivemos mellor medicina", seguiu a popular, "cando un pregunta ao paciente -sobre a sanidade galega- este está contento", zanxou Amigo. Aliás, Martín denunciou a perda da calidade na consulta telemática e pediu que, en todo caso, sexan complementarias e nunca substitutivas da presencial. 

Así mesmo, o portavoz de SOS alertou de que a Atención Primaria "está en crise polas novas necesidades" e sinalou preciso fortalecela incrementando a enfermaría e novas categorías profesionais como a psicoloxía clínica, a fisioterapia, a farmacoloxía clínica ou traballo social e "responsabilizándoa da combinación dos procesos asistenciais e de coordinarse co sistema sociosanitario e da dependencia". 

"A falta de persoal e dunha política de información transparente no Sergas fai que o persoal sufra inxustamente queixas dunha poboación frustrada e preocupada polas dificultades de acceso á sanidade", dixo Martín sobre a presión que padecen as e os profesionais. 
"A pandemia colleu o Sergas con moitas patoloxías previas", dixo a deputada do BNG, Montse Prado a Manuel Martín, en referencia á década de recortes sanitarios do Goberno galego. "Non é posíbel manter durante  moito tempo todo o servizo sanitario sobre os ombreiros do persoal", a quen a Xunta "maltrata coa súa política laboral", criticou a nacionalista.

Ao igual que Martín e Prado, o deputado do PSdeG, Julio Torrado, denunciou a privatización e recortes e quixo pór sobre a mesa a ocultación que fai a Xunta sobre o número de rastrexadores que ten a Galiza.

Mortalidade

A falta de dotacións hospitalarias e de camas UCI provocou, segundo Martín, que para evitar o colapso das mesmas na pandemia se adiasen "ao redor de 3.000 intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnosticas, o que provocou que se incrementasen as listas de espera de maneira exponencial" mais, segundo denunciou, "o Sergas mantenas ocultas para evitar que a poboación coñeza a gravidade da situación". Son moitas as persoas enfermas que seguen descoñecendo cando terán cita, criticou Martín, que tirou de estudos para sinalar que do exceso de mortalidade deste ano, ao redor de 40% ten relación con enfermidades diferentes á Covid-19, moitas delas sen atender polo colapso e falta de medios.

Sanidade insiste en que a Primaria non pida PCR aos contactos 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou que a orde do seu departamento para que as e os médicos da Atención Primaria non soliciten probas PCR de coronavirus a contactos estreitos busca "liberar" estes profesionais dunha "carga adicional" para eles.
Con todo, o conselleiro cualificou de "lóxico" que se un profesional detecta un paciente da súa área que foi contacto estreito dun positivo pola Covid-19 e non se lle solicitou a PCR que "pida" esta proba.

Así se pronunciou García Comesaña ao ser preguntado polo feito de que médicas e médicos desta especialidade se amosasen "insubmisos" ante a orde da Consellaría de Sanidade de que "non se soliciten PCR aos contactos estreitos" e os remitan á Central de Seguimento de Contactos (CSC).

O conselleiro considerou que tanto estes profesionais como a poboación en xeral "prefiren" cando se lles chama desde a Central de Seguimento que "nese momento se lles diga que lle van a facer a  PCR e dar cita e non que teñan que ir ao centro de saúde e que sexa o médico  quen teña que pedir a proba".

Foi o pasado 6 de novembro cando un grupo de doutoras e doutores da Atención Primaria comunicaron a súa “insubmisión” á orde de Sanidade.

O voceiro da Asociación Galega de Medicamento Familiar e Comunitario (Agamfec), Jesús Sueiro, que traballa nun ambulatorio compostelán xa advertía daquela a este xornal a súa "sorpresa" pola directriz "cando non se están facendo as cousas ben" por parte da Central de Seguimento de Contactos. "Se non se fai, non vou deixar de pedir a PCR", argumentaba este doutor. Tamén apuntaban desde colexios médicos que detrás desta directriz do titular de Sanidade da Xunta da Galiza puidese estar a decisión de procurar reducir o número de PCR a realizar.