É posíbel retomar a presencialidade cos recortes no profesorado?

Entrada principal do CEIP Paradai, en Lugo, o pasado mes de febreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Anpas e sindicatos cuestionan os datos ofrecidos pola Xunta da Galiza.

A ministra de Educación, Pilar Alegría, avanzou esta semana as liñas xerais que rexerán o curso escolar 2021-22 e que concretará na xuntanza prevista a finais de agosto coas consellarías dos diferentes territorios do Estado. Alegría garantiu a total presencialidade das aulas en todos os niveis educativos, algo que na Galiza xa se fixo durante o pasado ano.

Aliás, avogou polo mantemento das ratios de profesorado do curso 2020-2021 e amosou a súa preocupación pola intención de diferentes gobernos coma o galego de prescindir dos reforzos de persoal. "Nós apoiamos a presencialidade, mais o noso medo son os recortes. Só en Primaria vai haber 150 docentes menos, e así é moito máis complicado atender o alumnado. Se este ano non houbo máis surtos da Covid-19 foi polo enorme esforzo das familias, que foron máis responsábeis que a propia Consellaría", explica a Nós Diario Diego Boquete, de CIG-Ensino.

O sindicalista insta o profesorado a "mobilizarse" contra os recortes a partir de setembro, e lamenta que os Executivos galego e estatal "pasen a bóla", en alusión á petición do Goberno galego á Moncloa de fondos adicionais para reforzar o cadro de persoal por mor da pandemia: "Aquí temos un goberno, o da Xunta, que precisa máis profesores, e iso é da súa competencia".

Boquete tamén cuestiona os datos ofrecidos pola Consellaría, que cualifica de "enganosos". "Os recortes non son a respecto de 2020, senón de 2019, antes da pandemia. E cando a Xunta di que está a cumprir as ratios non ten en conta as diferenzas entre o entorno urbano e o rural. Se tes 25 alumnos nunha aula de Pontevedra e cinco noutra do Courel, a media é de 15 alumnos por aula, mais isto é irreal. As ratios nas cidades son moi elevadas e cómpre baixalas", salienta.

Tamén o presidente da Confederación de Anpas Galegas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo, incide nesta cuestión: "A fenda dixital e tecnolóxica, tanto de familias como de profesorado, fan imposíbel ningunha outra solución que non pase pola presencialidade, mais non compartimos que se faga a costa de relaxar as medidas contra a Covid, máxime cando vemos que noutros lugares están volvendo aos confinamentos e uso de máscara aínda con toda a poboación vacinada. O modelo debe ser o do ano pasado, desdobre de aulas e distancia de seguridade", di.

"Tampouco comprendemos que se pretenda ter aos rapaces a temperaturas xélidas todo o inverno. Houbo un ano enteiro para reforzar os sistemas de ventilación dos centros ou introducir purificadores de aire, e non se fixo porque como son cativos non se queixan", engade.

O futuro da FP

Diego Boquete advirte que as reformas anunciadas na Formación Profesional (FP) "apuntan a unha privatización encuberta". "Pretenden que as empresas formen o alumnado sen o control do profesorado, e xa sabemos como é a formación nas empresas, man de obra gratuíta...", expón. Sobre o profesorado, defende a creación dun corpo único que "non deixe ninguén atrás".