A Cámara pide solucións para o profesorado técnico de FP

O Parlamento galego reclama negociar na Mesa Estatal de Educación unha solución para o profesorado técnico de Formación Profesional.
Comisión de Educación e Cultura da Cámara (Foto: Parlamento galego)
photo_camera Comisión de Educación e Cultura da Cámara (Foto: Parlamento galego)

Toda a Cámara galega reclamou  ao Goberno español a necesidade de negociar, na Mesa Estatal de Educación, unha solución para o profesorado técnico de Formación Profesional (FP) afectado polas previsións incluídas na nova lei educativa estatal, a Lomloe. Onde non houbo unanimidade, por parte do PSdeG, que votou en contra, foi no punto da moción que pide o rexeitamento do recollido na Lomloe en relación ao profesorado técnico de FP.

O deputado do PP Ovidio Rodeiro, na comisión de Ensino e Cultura da Cámara, explicou que a nova lei "deixa nun corpo para extinguir" a case 65% do profesorado técnico de FP, "anulando toda a súa carreira profesional". Ademais, advertiu de que só 36% dese cadro de persoal reúne os requisitos precisos para acceder ao corpo de secundaria de acordo coa nova normativa.

Nesa liña, o deputado lamentou que a nova normativa "non integre" os profesionais técnicos de FP que son licenciados no corpo de secundaria, ao que "tampouco poderán acceder" os docentes técnicos que conten con diplomaturas universitarias nin os que obteñan o título de grao tras xaneiro de 2021. 

Pola súa banda, o deputado do BNG Manuel Lourenzo criticou que o PP vetase unha emenda da formación nacionalista que reclamaba a equiparación salarial das e dos docentes técnicos de ciclos formativos.

Tamén na comisión os populares rexeitaron dúas iniciativas presentadas pola oposición. Nunha delas, o BNG buscaba instar a Xunta a tomar en consideración a necesidade de ampliar a formación académica en gaita de fol en estudos musicais, comprometéndose cunha maior oferta formativa nos conservatorios dependentes da Administración galega.

Tamén pedía a inclusión do grao superior de Instrumentos da Música Tradicional e Popular no Conservatorio Superior da Coruña e a creación de estudos musicais de posgrao en universidades galegas ou en conservatorios superiores que dean acceso a programas de doutoramento.

Na outra proposición denegada, o PSdeG reclamaba que a Xunta asumise os centros de ensino Puga Ramón e mais o Calvo Sotelo da Coruña e os integrase na rede de centros públicos da Galiza. Ademais, demandaba a constitución inmediata dunha mesa de negociación para determinar as condicións do traspaso destes centros.

Comentarios