Unha posíbel 'marea negra' mantén en tensión Xibraltar: Pode producirse un novo caso 'Prestige'?

O cargueiro 'OS35'. (Foto: Europa Press)
Os ecoloxistas piden ao Goberno español que se encargue directamente da extracción do combustíbel do buque colisionado.

Desde a pasada segunda feira, todas as olladas están postas no mar de Xibraltar, onde o cargueiro OS35 ameaza con provocar un novo desastre medioambiental nas costas españolas. O navío, que sufriu unha grave colisión con outro buque, corre serio risco de partir pola metade e provocar unha vertedura de case 500 toneladas de combustíbel e aceite lubricante para maquinaria pesada.

En concreto, son 250 toneladas de gasoil, 215 de fueloil pesado e 27 toneladas de lubricante as que manteñen en alto a veciñanza e grupos ecoloxistas, que temen que se poida producir un sinistro "sen precedentes" nunha zona na que o sector marítimo xoga un importante papel na economía.

Polo de agora, as autoridades locais trasladaron que xa se comezaron cos traballos de extracción destes compoñentes nocivos para evitar que entren en contacto co mar. Se ben xa se deu unha pequena fuga nun dos costados do cargueiro, as mesmas autoridades afirman que polo de agora conseguiuse conter e eliminar estes vertidos antes de que danen seriamente o medio mariño.

A rotura parcial do casco ocorrida na cuarta feira obrigou a evacuar os 24 integrantes da tripulación e 6 técnicos que inspeccionaban e avaliaban os estragos nas infraestruturas do cargueiro. Pasadas as 17 horas de hoxe, a policía local de Xibraltar detivo unha persoa como presunto implicado no accidente.

Un novo Prestige?

Pese a que varios medios de comunicación compararon o caso do OS35 co desastre medioambiental vivido en 2002 polo afundimento do Prestige, o certo é que a carga do petroleiro que cubriu de negro as costas galegas era 154 veces maior que a deste cargueiro.

Entre os meses de novembro e decembro de 2002, o Prestige verteu nas costas galegas 77.000 toneladas de crú, que se estenderon por todas a liña costeira do país. Algunhas das manchas deste vertido chegaron até o Mar Cantábrico, levadas polas mareas. Calcúlase que entre 200.000 e 300.000 aves morreron, ademais dunha incalculábel cantidade de especies mariñas.

Pese a non ser comparábeis, o certo é que o risco de que a vertedura afecte gravemente o ecosistema mariño de Xibraltar está presente. Para colectivos ecoloxistas locais, este accidente pon de manifesto a falta de recursos no Porto de Xibraltar, e piden ao Goberno español que se encargue directamente da extracción do combustíbel para evitar que este acabe no mar.