O Goberno de Costa aposta na conexión ferroviaria con Galiza

Portugal prioriza o eixo Lisboa-Vigo

Pedro Sánchez e António Costa no XXXI Cumio Hispano-Portugués. (Foto: Europa Press)
España e Portugal defenden posicións diferentes en relación á conexión ferroviaria entre ambos os Estados. Mentres o Goberno de Pedro Sánchez aposta na ligazón vía Madrid, o Executivo de António Costa opta pola unión a través de Vigo. A alternativa portuguesa de darlle prioridade á alta velocidade coa Galiza está fóra de dúbida á vista do Programa Nacional de Investimentos 2030 e do expresado por cualificados membros do Gabinete de Costa. 

A conexión ferroviaria atlántica entre Lisboa e Vigo non interese ao Goberno español. A este respecto, é significativa a oposición do secretario de Estado de Infraestruturas, o lugués Sergio Vázquez Torrón, a estudar a posibilidade de acometer esta actuación nun prazo razoábel, así como a negativa do Executivo estatal a recoller na proposta de orzamentos para 2021 unha partida para acometer o estudo informativo do tramo da alta velocidade entre Vigo e a fronteira portuguesa. Os actuais responsábeis gobernamentais culpan os anteriores de non ter estudado esa posibilidade, mais o Gabinete de Pedro Sánchez deixou caer que non está disposto a asumir a execución dunha obra cuxo custo rolda os 200 millóns de euros.

A oposición do Goberno estatal a esta liña ferroviaria levouno mesmo a presionar o Executivo luso para que paralice o proxecto. Así o evidenciou a ministra portuguesa de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa, no marco dunhas xornadas promovidas a finais de outubro pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, cando afirmou que o Executivo español tentou no XXXI Cumio Hispano-Portugués decorrido o 10 de outubro que o Goberno de Costa desistise de situar como central a conexión ferroviaria entre Lisboa e Vigo. “O Goberno do Reino de España púxonos nunha situación que non é fácil, cando case nos impón a conexión entre Madrid e Lisboa, cando nós non temos como prioridade Madrid-Lisboa”, afirmou entón Ana Abrunhosa.

As prioridades

“A conexión da alta velocidade será no norte, por Vilar Formoso, moi probabelmente. O que o Goberno portugués non quere é que se adopte unha decisión imposta, e iso foi o que transmitimos no cumio ibérico”, indicou Abrunhosa, quen resaltou que “a nosa prioridade non é a conexión entre Madrid e Lisboa, porque de Madrid a Lisboa vamos en avión. Xa temos conexión. A nosa prioridade, efectivamente, é o eixo atlántico, Lisboa, Porto e Vigo”. Finalmente, o Cumio Hispano-Portugués resolveuse cunha resolución de compromiso para “avanzar na mellora da conexión ferroviaria Porto-Vigo” e para “comprometerse a continuar cos traballos co fin de impulsar a conexión ferroviaria Lisboa-Madrid”.

As declaracións da ministra portuguesa de Cohesión Territorial son coincidentes coas doutros membros do Executivo de Costa, como o responsábel de Infraestruturas, Nuno Santos, quen ten afirmado que “para nós a prioridade absoluta é conectar por alta velocidade Lisboa e Porto e Porto con Vigo. Apostamos por iso no plan de investimentos do Goberno portugués de 43.000 millóns de euros”. “Galiza é a rexión coa que temos máis lazos económicos e sentimentais e o AVE aproximará e mellorará a vida a un lado e outro da fronteira”, reparou Nuno Santos.

“Coido que para calquera portugués do norte e para calquera galego é fácil comprender, con quen temos máis relacións económicas e de afinidade os portugueses? A calquera que lle pregunte responderá rapidamente cos galegos e coa Galiza. Por este motivo, o primeiro ministro e eu témolo claro: hai que aproximar primeiro as dúas grandes cidades lusas e a continuación Porto con Vigo, é o lóxico”. Tamén puxo o foco na urxencia de que o Executivo español acometa a saída sur de Vigo, “chave para que o traxecto en camiño de ferro de Vigo a Porto se poida realizar en 55 minutos, porque reduce en 20 minutos a viaxe”.

Actuación proxectada

As posicións expresadas polos ministros lusos de Cohesión Territorial e de Infraestruturas responden ao deseño en materia de comunicacións recollido no “Plan Nacional de Investimentos 2030” que o Goberno portugués vai financiar a conta dos fondos comunitarios procedentes do denominado Plan de Recuperación aprobado no Consello Europeo de xullo.

Segundo a previsión enviada polo Executivo de Costa á Comisión Europea, a conexión por alta velocidade entre Lisboa e Porto vai custar 4.500 millóns de euros e o tramo entre Braga e Valença 900 millóns, ficando por cuantificar a cantidade total da ligazón entre Braga e Porto.

 

Se queres seguir a ler esta información, vai polo Nós Diario ao teu quiosque de referencia ou merca o xornal na tenda online. Para evitar quedar a media lectura, podes subscribirte con total facilidade xa mesmo!