O Porto de Vigo apelará o arquivo da causa do Marisquiño por considerar que era responsabilidade do Concello

Dársena do Paseo das Avenidas após o accidente (Foto: arquivo 112).
Para o Porto, a neglixencia determinante de responsabilidade penal radica, ante todo, no feito de autorizar a celebración dun concerto sen coñecer o estado da infraestrutura no cal se ía celebrar.

A Autoridade Portuaria de Vigo interporá recurso de apelación perante a Audiencia de Pontevedra tras coñecerse o auto ditado polo Xulgado de Instrución número 3 da cidade olívica no cal se acordou o sobresemento da causa penal do accidente do Marisquiño 2018.

Nun comunicado, o Porto considera que a decisión da maxistrada contradí as decisións xudiciais do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), declaradas firmes polo Tribunal Supremo, e que conclúen que a responsabilidade do mantemento deste espazo correspondía ao Concello de Vigo.

Tribunal Supremo e TSXG

Neste contexto, a institución presidida por Jesús Vázquez Almuíña lembra que o informe da Fiscalía, de data 20 de decembro, emitiuse seis días despois de que o Tribunal Supremo non admitise os recursos presentados polo Concello contra as sentenzas do TSXG e ratificase que incumpriu o mantemento da zona que se afundiu.

Para o Porto, a neglixencia determinante de responsabilidade penal radica, ante todo, no feito de autorizar a celebración dun concerto sen coñecer o estado da infraestrutura no cal se ía a celebrar.

Responsabilidade do Concello

"De acordo con senllas sentenzas do TSXG, o deber de mantemento da infraestrutura colapsada correspondía en exclusiva ao Concello de Vigo, que o incumpriu por completo", sinala a autoridade portuaria ao tempo que salienta que os afectados polo accidente teñen dereito a escoitar os responsábeis municipais que autorizaron o evento".

"Por último, o Porto de Vigo apunta que a decisión xudicial cualifica os feitos acontecidos desde a perspectiva da súa posíbel tipificación como un delito de lesións por imprudencia cando, ademais, estes son constitutivos dun delito agravado de danos", engadiu o Porto.