Privatización de A Solana-Hotel Finisterre

Porto da Coruña reclama para si a titularidade da parcela que aparece no rexisto a nome do concello

A Autoridade Portuaria alega que no seo do seu consello de administración a representación do concello nunca reclamou "ser titular de algunha parcela". Por súa parte, Xulio Ferreiro aposta no diálogo, mais advirte: "Se chegamos aos tribunais poremos en valor a finca municipal".

O porto da Coruña nega que o concello sexa titular dunha parcela de 380 metros cadrados no complexo de A Solana, como, porén, certificaría un asento no rexisto da propiedade da cidade.

O que alega a Autoridade Portuaria é que o Plano de Utilización de Espazos Portuarios de 28 de decembro de 1999 desafectou do dominio público portuario a totalidade dos terrenos correspondentes ás instalacións do Hotel Finisterre e a Solana, que pasarían a facer parte dos bens patrimoniais do porto, nunha operación que tería sido informada favorabelmente polo concello da Coruña, naquel momento en maos de Francisco Vázquez (PSdeG-PSOE).

Argüe tamén o porto que o concello da Coruña nunca reclamou ser titular de ningunha parcela nen nas reunións do consello de administración da Autoridade Portuaria nen en ningunha das "reunións e conversas mantidas sobre este asunto". Isto xa afectaría directamente a atual equipa de goberno, dirixida por Xulio Ferreiro (Marea Atlántica).

Non hai dúbida xurídica de que a titularidade dunha das parcelas do complexo deportivo de A Solana pertence ao concello da Coruña

Afirma a Autoridade Portuaria que "se descoñece o título habilitante para proceder á inscrición desa parcela, en caso de que se procedese á súa inscrición". No entanto, o asento no rexisto existe e non hai dúbida xurídica de que a titularidade dunha das parcelas do complexo deportivo de A Solana pertence ao concello da Coruña. Sermos está en posesión das certificacións rexistais que así o demostran.

E que di o concello?

A postura oficial é apostar na vía do diálogo e non o limitar ao complexo A Solana-Hotel Finisterre, senón incluír tamén nas conversas o futuro dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que a Autoridade Portuaria tenciona pór a poxa neste ano (no plano de empresa, o porto estima un ingreso polas vendas destes terrenos na contorna dos 24 millóns de euros).

O concello só faría valer o argumento de ser titular dunha das parcelas no caso de finalmente non chegar a un acordo. "Se chegamos aos tribunais poremos en valor a finca municipal", declarou Xulio Ferreiro.

A Autoridade Portuaria ten un preacordo de venda das instalacións da Solana e o Hotel Finisterre ao seu actual concesionario, Inmobiliaria Río Mero, por un importe de 10 millóns de euros.

O concello oferece 1,4 millóns por A Solana, o valor de taxación, e alega que en primeira instancia a Autoridade Portuaria dera luz verde á súa proposta.

Por súa parte, a Comisión Aberta en Defensa do Común pede que os terrenos sexan devoltos á cidade de forma gratuíta por seren bens comúns no seu momento espoliados pola ditadura.