O concello da Coruña é titular dun dos solares do complexo A Solana-Hotel Finisterre

O concello da Coruña dispón dunha baza gañadora para evitar a privatización do complexo A Solana-Hotel Finisterre: unha das parcelas en que se asenta é da súa propiedade, segundo revelou esta segunda feira Radio Coruña.

Unha das parcelas do complexo formado por A Solana e o Hotel Finisterre é de titularidade municipal, segundo se pode comprobar no Rexisto da Propiedade. O solar ocúpao unha piscina, nos mesmos terrenos en que no pasado se erguía unha cadea, o chamado cárcere da Audiencia, prisión que desapareceu en 1928.

A Autoridade Portuaria tenciona vender nunha poxa o complexo e dispón xa dunha oferta, por valor de 10 millóns de euros, por parte do actual concesionario, Inmobiliaria Río Mero.

O concello chegara no seu momento a un acordo co porto para se facer co complexo de A Solana pagando o prezo de taxación dos solares, 1,4 millóns de euros.

Agora trascende que un dos solares é propiedade do concello, o cal podería mudar por completo o asunto. A Autoridade Portuaria xa non podería vender o complexo na súa integridade, pois un dos solares non sería da súa propiedade.

Surprende en todo caso que até o de agora o goberno local non teña revelado que o concello é propietario dun fragmento do complexo e que non teña feito valer ese argumento -tal vez si o fixo en conversas reservadas coa Autoridade Portuaria- á hora de defender a non privatización dos terrenos.