Xuízo do Alvia

O portavoz da plataforma de vítimas: "Que pidan perdón e que se coñezan os feitos repara a calquera"

Jesús Domínguez, vítima do accidente de Angrois en 2013. (Foto: José González)
Nova rolda de declaración de testemuñas no xuízo polo accidente do Alvia en 2013. Na sesión saíu a colación o caso de Rogelio, pai dun falecido, que se decatou "por xente do sector" de que "unha baliza de 800 euros evitaría o accidente".

O portavoz da Plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia, Jesús Domínguez, afirmou esta terza feira no xuízo para determinar responsabilidades penais e civís polo ocorrido en xullo de 2013 en Angrois (Santiago) que o feito de "que che pidan perdón e de que se coñezan os feitos repara a calquera". Díxoo a preguntas dun dos avogados que exercen a defensa do maquinista, Francisco Garzón, que, canda o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, está procesado polas 80 mortes e os 140 feridos que ocasionou a traxedia.

Na súa comparecencia, Domínguez, ao que practicaron un total de 18 intervencións despois do sinistro ferroviario, relatou que o primeiro que fixo ao chegar á casa foi acceder á páxina web de Adif "para ver que sistema de seguridade" instalara, posto que non podía "crer esa catástrofe" e pensaba que "tiña que ter unha explicación racional todo ese desastre". Alí, dixo, o administrador de infraestruturas ferroviarias indicaba que o sistema 'ERTMS' chegaba até un punto quilométrico, mais logo viu que "non é certo".

Pola súa parte, o seu avogado preguntoulle se estima que o proceso pode reparalo "ou consolalo en algo", momento no que interveu a xuíza ao ver a cuestión "impertinente". "Saberá en que consiste un xuízo, como acaba, até onde se pode reparar, que é o que reclama vostede, e logo verá os termos da sentenza, se satisfán ou non as súas pretensións", sinalou. Xusto despois foi cando pediu a palabra o letrado de Garzón para lembrar que o condutor pediu perdón ás vítimas. "Persoalmente non falei [con el]", respondeu Domínguez. "Pero si me consta, porque publicamente pediu perdón, e evidentemente está moi ben, creo que todo o mundo o entende", precisou.

Interrogado aínda polo defensor do maquinista sobre se isto serve para a reparación do dano, o portavoz da plataforma de vítimas trasladou a seguinte reflexión: "Creo que [que] che pidan perdón e que se coñezan os feitos repara a calquera, na vida cotiá tamén", subliñou. Foi neste punto cando volveu falar a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, para advertir que, "evidentemente, se o acusan é por algo", en referencia a Garzón. "A  acusación é ás dúas persoas que están acusadas", precisou, en relación a que piden catro anos de cárcere para ambos os dous procesados.

"Tomar medidas para que non volva ocorrer"

Por último, o avogado de Francisco Garzón trouxo a colación un artigo de Domínguez no que fai referencia a que o ex director de Seguridade de Adif foi perito xudicial no accidente do metro de València e apunta que "cunha baliza evitaríase o accidente". "Creo que é público e notorio. Compareceu nas Cortes Valencianas. Dixo que hai que ser moi cafre, que hai que estudar as causas e tomar medidas para que non volva ocorrer", incidiu Domínguez.

Despois compareceu Laura del Moral, a súa parella, que rememorou, alén da traxedia e os danos físicos e psicolóxicos que tamén sufriu, as primeiras reunións entre afectados, cando constituíron a plataforma. "Buscabamos respostas que non nos estaban dando", dixo á xuíza. Segundo revelou, o que a "martillaba" era o instante no que, no medio da escena do sinistro, o maquinista foi canda eles "pedindo perdón" e explicando "que freara" antes da curva. "Un exceso de velocidade na alta velocidade foi algo que nos martillaba, e cando nos xuntamos con outras vítimas foi un pouco buscar as respostas", fixo fincapé. A pesar de que era "difícil estar" con familiares dunha parella como Jesús e ela, entre outros, "alí empezou unha batalla de 10 anos". "Isto estivo na miña vida case todos os días destes últimos 10 anos", reiterou.

Estaban "a buscar explicacións", porque as que lles daban "non eran posíbeis... e lamentabelmente as atopabamos", apuntou. Todo iso xeroulles "moita raiba" e "moita impotencia", o feito de "ir descubrindo cousas", dese "goteo de descubrimentos", sobre o 'ERTMS' ou sobre outras medidas de seguridade. Puxo como exemplo o de Rogelio, pai dun mozo que morreu no accidente, que se decatou de que unha baliza evitaría o sinistro a través de "xente que sabe, xente do sector". "E logo viuse, porque puxeron unha baliza. E iso son medidas que se podían pór, de ver o risco, que evitarían o accidente. Unha baliza de 800 euros", salientou.

Chegado este extremo, a maxistrada volveu a cortar á testemuña, posto que "isto é o obxecto do xuízo". "O máis grave que pode haber nun procedemento xudicial é que che imputen por un delito e hai que valorar as condutas de cada un dos que se lles acusa", expuxo. "Aquí non se fai dimitir a políticos... outra cousa é o que se pode interpretar das conclusións que se obteñan do que puido ou non puido facerse, ou debeu ou non debeu facerse", continuou a xuíza, para recalcar, en todo caso, que "o máis grave que hai é a imputación por un delito".