Xuízo do Alvia

Jesús Domínguez: "Adif ten que saír condenada para non ceder máis ás presións políticas"

Jesús Domínguez, vítima do accidente de Angrois en 2013. (Foto: José González)
Jesús Domínguez, presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, está na Galiza para seguir desde a Cidade da Cultura os primeiros días de xuízo polo accidente de Angrois. En conversa con 'Nós Diario' censura a demora e os atrancos de PP e PSOE a unha investigación independente que Europa e as vítimas seguen a reclamar.

—Máis de nove anos despois do accidente de Angrois, que necesitan as vítimas do Alvia?
O que necesitamos é que se saiba a verdade, que se coñezan todas as causas e que se faga esa investigación técnica independente que pide Europa, que levamos tanto tempo reclamando. Creo que chegou o momento. A parte de que se diriman as responsabilidades penais no xulgado, o Estado e as institucións teñen que pedir perdón por todas as mentiras e ocultacións que sufrimos ao longo destes nove anos.

—Como se senten?
Estamos cansas, pero Europa deunos a razón e foise confirmando que todo canto dixemos era verdade. Iso deunos forzas. Se se fixeran as cousas ben moitas vítimas e familiares xa terían pasado páxina, pero agora hai moita rabia e indignación polo trato das institucións e pola falta de transparencia. O único que fixeron foi xerarnos máis dor. 

—Hoxe comeza o xuízo na Cidade da Cultura con só dous acusados no banco: o maquinista e o ex director de Adif. Que esperan deste proceso?
A nivel penal falta que se xulgue a responsabilidade de Renfe. Quero recordar que houbo un aviso dun xefe de maquinistas advertindo do perigo da curva e da mala sinalización a dez altos cargos que non fixeron absolutamente nada. E foi Renfe quen solicitou a desconexión do sistema de seguridade ERTMS polos atrasos que xeraba, que posibelmente tería evitado o accidente de Angrois.

Logo está a responsabilidade do Ministerio de Fomento como garante último da seguridade. Todo era público: a vía era pública, o tren era público, a posta en servizo foi de Fomento coas deficiencias xa coñecidas, pero aquí ninguén dimitiu.  

—Non se resolveron as responsabilidades políticas nin se avanzou nunha investigación técnica  independente que seguen a reclamar.
Toda esta demora non é casual, ao igual que non é a falta de independencia. O único perito independente que veremos no xuízo, o único que saíu por sorteo, é Cesar Mariñas, cuxa peritaxe coincide co informe que realizou a UE e que di que se tiña que ter feito unha análise de riscos cando se modificou o proxecto contemplaba o sistema de seguridade ERTMS que controla a velocidade completamente até Santiago e que se incumpriu a normativa. Que casualidade que aos peritos xudiciais impostos pola Xunta, sen experiencia ferroviaria, lles pareza que todo estaba moi ben e que o único independente concorde con Europa. Aí vemos como coxea este xuízo.

A pregunta que se ten que facer a cidadanía é: que temen e por que ningún Goberno, antes o do PP e agora o de PSOE-Unidas Podemos, quixo levar a cabo esta investigación cando a Comisión Europea lla solicitou xa en varias ocasión. Algo terán que ocultar.

—Que cambiou na seguridade viaria desde o 24 de xullo de 2013?
Neste tempo saíu todo o procedemento de infracción por incumprimento da normativa de seguridade do Estado español desde Europa, que segue aberto, e que ten que ver coas análises de risco que a normativa obriga a facer e con como se levan a cabo as investigacións.

Isto fixo que se tivese que crear un organismo específico, a Axencia Española de Seguridade Ferroviaria, un ente "independente", encargado de aprobar as postas en servizo de novas liñas. Os técnicos que nos axudaron de Adif e de Renfe comentan que as cousas se están facendo mellor,  pero agora tócalle facer á xustiza facer o seu papel e eu creo que ten que saír condenada Adif para que a próxima vez os técnicos non cedan ás presións dos políticos e antes de pór en servizo unha liña garantan que toda a seguridade cumpre coa normativa.

"Ana Pastor mentiu e debe marchar" 

"Ana Pastor -presidenta do Congreso dos Deputados e Deputadas- é a persoa das institucións públicas que máis traballou por ocultar o que hai detrás desta terríbel traxedia. A bombo e prato, moi compunxida, dixo sempre en sede parlamentaria que non descansaría até saber a verdade, que nisto ten que haber total transparencia, que houbo moita dor. Pero con esa carta que enviou a Bruxelas demostra as presións e manobras para que o informe da Comisión Europea non saíse á luz, porque o que facía era desvelar todas as súas mentiras e ocultacións", censura Jesús Dominguez.

O informe da UE, recalca, asegura que o accidente aconteceu nunha liña e cun tren de alta velocidade, que non se fixo unha investigación técnica independente e que hai que repetila. "Á persoa que mentiu ao respecto con 80 mortos enriba da mesa no Congreso e a nós, se lle queda algo de dignidade, a onde ten que ir é a súa casa", conclúe.