Matemáticos da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela

"Porfiar en medidas locais para un asunto global exponnos a unha terceira onda"

A Xunta decretou o pasado día 7 o fechamento da hostalaría en 60 municipios galegos (Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Matemáticos da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela avogan por un confinamento europeo que ofreza unha solución global ao problema que representa a pandemia da Covid-19.

Investigadores das Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela advirten do risco dunha prolongación "inadmisíbel" da pandemia e mesmo da chegada dunha terceira onda de contaxios se non se "afronta con decisión" o avance do novo coronavirus.

Prever a evolución da epidemia é moi difícil xa que estamos sometidos a moitas medidas de carácter local que van mudando en función dos datos rexistrados.

"Estamos nunha situación estacionaria, definida por uns números semellantes e inadmisíbeis que nos manteñen máis ou menos igual", puntualiza Iván Area, do Departamento de Matemática Aplicada da Uvigo. "E non podemos seguir vivindo así durante moito tempo. Non pode morrer cada día un número brutal de persoas, non podemos seguir cargando o sistema sanitario cada xornada con novos ingresos e non pode ser que a economía siga nas condicións actuais", polo que chama a frear a expansión da Covid-19 con maior contundencia.

Evolución imprevisíbel

Desde o inicio da crise sanitaria, Area desenvolveu xunto a Juan José Nieto, catedrático de Análise Matemática da USC, diversos modelos matemáticos de predición tanto da evolución do coronavirus como da necesidade de camas en Unidades de Coidados Intensivos. Nesta nova etapa seguen a traballar coas cifras actualizadas da pandemia, mais nun contexto cambiante que complica calquera prognóstico. 

"Prever a evolución da epidemia é moi difícil xa que estamos sometidos a moitas medidas de carácter local que van mudando en función dos datos rexistrados", sinala Juan José Nieto. Neste sentido, di, "é imprevisíbel". "Tomar decisións é positivo, máis se teñen un impacto directo sobre o virus, pero de pouco serve conter a súa propagación de forma puntual se a continuación nos descoidamos para volver ao estadio anterior", destaca o catedrático da USC.

Un problema global

Para Iván Area, o que se está facendo e se fixo até o momento é dar "unha solución local a un problema global". E estabelece un símil cos incendios forestais. "Cando hai un lume grande non ten sentido que cada veciño colla unha mangueira para ter conta só da súa casa. Porque o lume avanza e, cando as forzas escaseen, acabará entrando pra queimalo todo". Isto, explica, é o que está pasando coa pandemia da Covid-19. "Estanse adoptando unha serie de medidas locais que non son efectivas ante un problema global, onde a interacción e mobilidade das persoas marca o progreso da pandemia". Neste sentido, salienta, as solucións que se propón son paliativas, pero non resolven a cuestión de fondo, unha transmisión que vai volver aumentar cando se levanten as medidas de restrición e se restabelezan o contacto e o vaivén de persoas sen control.

O cambio continuo de criterios, de probas que se realizan, cando, a quen, de como se afronta o rastrexo, agora si, maña non... imposibilita calquera seguimento serio.

Así, fronte á toma de decisións locais, que só ofrecen unha mellora nun espazo breve de tempo, Nieto e Area avogan por unha saída global: "un confinamento real durante 15 días en toda Europa, con posteriores corentenas estritas para quen mude de territorio". Unha medida drástica para a vida e na economía das persoas, din, pero que malia todo posibilitará un "mellor avance".

Sen datos homoxéneos 

Desde o punto de vista científico, os matemáticos volven defender a necesidade de datos "fiábeis e robustos". "Hoxe non temos datos homoxéneos", polo que non son comparábeis, advirten. "O cambio continuo de criterios, de probas que se realizan, cando, a quen, de como se afronta o rastrexo, agora si, maña non... imposibilita calquera seguimento serio. Podería facerse a nivel local, mais insisto, isto é un problema global", conclúe Area.