Por un Lugo libre e inclusivo

[Imaxe: Adra Paixón] O Concello borrou o primeiro mural pintado por Lugo Sen Mordazas.

En maio deste ano naceu a plataforma Lugo Sen Mordazas. O seu obxectivo é paralizar a entrada en vigor da Ordenanza de Seguridade e Convivencia, que o Goberno local quere aprobar co apoio do PP e Ciudadanos. Asociacións, colectivos, partidos, sindicatos e cidadanía suman forzas contra unha ordenanza que discrimina e criminaliza os colectivos da cidade con maior risco de exclusión. A cultura, popular e autoxestionada, é a súa principal ferramenta. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 314 de Sermos Galiza.

En xullo do 2017 a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anuncia a recuperación dun proxecto do PSdeG local: unha Ordenanza de Seguridade Cidadá para o municipio. O borrador do documento foi presentado en abril ás formacións políticas. Só PP e Ciudadanos brindaron o seu apoio para que fose aprobada. Paralelamente, colectivos, asociacións, formacións políticas, sindicatos e cidadanía sumaron forzas en maio ao redor da plataforma Lugo Sen Mordazas para lograr a retirada definitiva do borrador.

 

“No mes de abril a alcaldesa convocounos os voceiros dos grupos municipais”, di, en declaracións a Sermos Galiza, Carlos Portomeñe, portavoz de ACE-EU. “Fíxose a exposición do borrador, a sensación era a de estar escoitando a presentación da Lei de Vagos e Maleantes do Franquismo”. “É unha ordenanza represiva”, acrecenta Cristina Pérez, voceira de Lugo Novo, “con afán recadatorio”. Rubén Arroxo, portavoz do BNG, denuncia que a normativa se apoia no alarmismo social: “Lugo é unha cidade tranquila, viva, con importantes colectivos culturais e artísticos”. “Tras a primeira xuntanza”, continúa Portomeñe, “quedamos emprazados a unha segunda e antes de que tivese lugar fíxose unha convocatoria a colectivos e asociacións, o xerme do que hoxe é a plataforma”.

 

O borrador tipifica unha serie de condutas, que liga coa súa correspondente sanción. As leves, con até 750 euros, as graves con até 1.500, e as moi graves con até 3.000 euros. Tocar na rúa, pedir esmola, sacar cadeiras á rúa, durmir nun banco ou “alterar a pacífica convivencia con escándalos, rifas, tumultos, ou proferindo palabras groseiras” suporían unha sanción de 750 euros. As faltas castigadas con até 1.500 euros inclúen pegar carteis, recoller sinaturas ou colocar mesas de información nas rúas sen a expresa autorización do Concello, manter relacións sexuais nun vehículo, ofrecer relacións sexuais na vía pública, vender produtos na rúa ou actuar como “gorrilla”. Entre as graves atópanse o acoso entre menores, negarse a ser cacheada ou cacheado pola policía ou exercer a prostitución nunha vivenda.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 314 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]