Mónica Camaño, actriz / Eu vou á greve do 8M

“Por que ir a esta folga? Porque toca”

A actriz Mónica Camaño é todo entusiamo e vehemencia, tanto sobre as táboas dun escenario como á hora de explicar o por que da importancia da greve xeral das mulleres do 8 de marzo. Unha cita á que deixa ben claro que non vai faltar: “Desde logo, ese día facemos folga”, indica. O que significa que a vindeira quinta feira, 8 de marzo, non haberá representación da obra Nacidas Libres no Teatro Principal de Pontevedra, tal e como estaba previsto nun principio. Quen queira vela terá que ir o día anterior, o 7.

 

Camaño ten claro que “no teatro e no mundo da cultura as mulleres tamén temos discriminación” e incide en cuestións como, por exemplo, “que en eidos como audiovisual as personaxes de mulleres a partir de certa idade están desaparecidas, non existen”. Unha problemática que non atinxe os papeis masculinos.

 

Coñecida polo seu papel en series como Matalobos e cunha ampla traxectoria teatral ás costas, e gañadora de premios como o María Casares ou Maruxa Villanueva; esta muller de Cangas anima a secundar o paro: “Hai que ir á folga porque nos toca”.

 

Fala de cómo nestes anos todo aconteceu nunha vertixe na que se perderon dereitos e liberdades que, nalgúns casos, as mulleres nin sequera chegaron a posuír con plenitude. “As mulleres temos que estar nesa greve, debemos estar espertas, alerta e solidarias”.