Patricia Cordo/Eu vou a greve do 8M

“A folga quer evidenciar que, por ser mulleres, temos peores condicións laborais e sociais”.

Patricia Cordo

No sector dos centros de chamada as mulleres son ampla maioría entre os seus 8.000 traballadores. Patricia Cordo traballa en Extel, na Coruña, e apoia o paro do 8 de marzo. Con ela encetamos unha serie de pezas protagonizadas por mulleres que secundarán a greve.

Patricia Cordo vai secundar a greve de mulleres do 8 de marzo… se lle toca traballar ese día. Operaria do sector do telemarketing, está pendente das quendas, polo que pode que non lle toque traballar o 8. “Se me toca, vou”, afirma. Mais ese paro é tamén de consumo e coidados e ese vaise secundar tamén.

 

“Hai motivos máis que suficientes para secundar a protesta”, afirma Patricia con convencemento. Delegada sindical da CIG en Extel, sinala que o sector dos centros de chamada, ao ser maioritariamente feminino, ten que soportar “salarios máis baixos, tendencia a xornadas paciais…”. Na Galiza son por volta de 8.000 persoas traballando nesta actividade, a inmensa maioría delas mulleres. E cunha gran capacidade de mobilización e loita polos seus dereitos, como demostraron nas greves e mobilizacións que protagonizaron en Galiza ao longo de 2017.

 

“Sufrimos a fenda salarial, a desigualdade de xénero, somos as encargadas dos coidados, padecemos a precariedade….sobran razóns para ir a esta greve”, sostén.