Pontón pide un "mando único" para evitar que se repita o "caos" da vaga de lumes

Susana Camba e Ana Pontón atenden os meios

En apenas dous días arderon 35.500 hectáreas, máis do dobro do obxectivo marcado no Pladiga 2017. Representantes do servizo de emerxencias 112, de Seaga e Aprodiga mantiveron esta quinta feira un encontro no Parlamento con Ana Pontón para trocar impresións sobre como previr e enfrontar catástrofes semellantes.

A principal conclusión que tira Ana Pontón -informa o BNG nun comunicado de imprensa- é que se impón dotar o dispositivo anti-incendios dun "mando único" para evitar un novo caos como o dos días 14, 15 e 16 de outubro.

 

Os representantes dos colectivos cos que mantivo un encontro de traballo a líder do BNG teñen denunciado nas últimas semanas a "descoordenación" e "falta de mínima previsión" coa que a administración galega se enfrentou a vaga de lumes durante eses días. O caos foi tal que até Feijóo acabou por admitir que a Xunta perdera o control da situación durante 12 horas.

 

Profisionais do 112 traslaron ao BNG -dixo aos meios a representante deste servizo Susana Camba- a necesidade de criar un mapa de urxencias por isócronos visando "atender os galegos e galegas en función de onde estean situados de verdade e non en función da súa situación política".