Pontón denuncia que a Xunta quer tornar o Hospital do Salnés nun ambulatorio

Ana Pontón, durante a reunión coa Xunta de Persoal do Hospital do Salnés [Foto: BNG]

Un dos efeitos da proposta de reforma da Lei de Saúde recentemente aprobada pola Xunta é a supresión da área sanitaria de O Salnés. A decisión ten un serio impacto sobre o hospital comarcal. Por esa razón unha delegación do BNG -encabezada por Ana Pontón- reuniuse esta terza feira coa xunta de persoal do centro sanitario.

Alén de se reunir coa Xunta de Persoal do Hospital do Salnés, Pontón atendeu a imprensa. "A contrarreforma sanitaria do PP é un paso atrás para o direito á saúde en xeral e para a área do Salnés, pese a que está blindada por lei porque se puxo en marcha através dunha ILP", argumentou a líder nacionalista.

 

O problema é o PP, ditaminou, que coa súas políticas "está a derrubar o que se construíu entre todos e todas". "Non van atreverse a tirar abaixo o hopsital, pero si o van deteriorando pouco a pouco até convertelo nun gran ambulatorio lonxe das prestacións que oferece un hospital", dixo Pontón.

 

"Estamos a ver un PP que votou non ao incremento do cadro de persoal do Hospital do Salnés", alegou por súa parte a deputada Montse Prado, que acompañou Pontón na reunión coas traballadoras do centro sanitario. "Votou non a ampliar celadores, votou non a darlle solución á situación do aparcadoiro no hospital, votou non a un centro de saúde en Vilagarcía, no Grove, na Illa,e votou non á substitución de persoal saitario fundamental". Todo isto, acrecentou, "porque estamos ante un goberno que ten como claro obxectivo deteriorar a sanidade pública para xustificar cada vez máis recursos á sanidade privada".

 

Nesa mesma dirección, Pontón ilustrou con dados a que, a xuízo do BNG, constitúe a deriva privatizadora do PP: desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta en 2009 a sanidade públia tería perdido pr volta de 700 camas e 2.000 millóns de recursos na atención primaria, un retroceso de por volta 15 por cento, "recortes que acaban pagando as usuarias con pior atención".

 

O Bloque, anunciaron Pontón e Prado, apresentará no Parlamento unha emenda á totalidade do proxecto e fará "frente común coas plataformas, organizacións sociais e políticas e coa veciñanza en defensa da sanidade pública".