Pontevedra volve marchar contra ENCE "por un futuro para a ría"

Cabeceira da manifestación contra a presenza de ENCE en Lourizán.
A sentenza do Tribunal Supremo non detén a loita contra a presenza de ENCE na ría de Pontevedra.

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) convocou este domingo 25 de xuño a súa habitual 'Marcha contra Celulosas', con saída ás 12 horas desde as alamedas de Pontevedra e de Marín para completar o percorrido até a pasteira. Este ano, a marcha estaba condicionada pola sentenza do Tribunal Supremo que deixaba sen efecto a anulación da prórroga a ENCE para seguir usando os terreos de Lourizán.

A prórroga estende cincuenta anos máis a presenza da planta de celulosas en Lourizán, mais  aínda está dos recursos presentados por Greenpeace ou polo Concello de Pontevedra ante o Tribunal Constitucional. A polémica decisión xudicial tamén é contestada na rúa.

"Para a APDR, este novo escenario -sen dúbida máis incerto que o existente con anterioridade á sentenza- non supón o fin da loita, nin moito menos. Primeiro, porque falta por decidir sobre o procedemento promovido pola nosa Asociación, e non se pode descartar unha sentenza favorábel do TS. Ademais, a sentenza do TS ten aínda un amplo percorrido xurídico e administrativo; neste sentido, o voto particular emitido por unha das maxistradas que facían parte da sá, aporta moitos criterios para enfocar os recursos diante do Constitucional e nos tribunais europeos", declaraba Antón Masa, presidente da APDR, antes de que comezase a marcha.

"O lema da marcha é non renunciamos a un futuro sen ENCE na ría, creo que di claramente o que queremos. Nós con independencia de que o Tribunal Supremo teña dictado unha senteza entendemos que ninguna sentenza e menos esta que é inxusta e absolutamente arbitraria vai impedir que sigamos loitando por algo no que cremos e no que temos razónÉ unha aspiración da cidade, da comarca e da propia ría, poder desfrrutar dun futuro que nos foi roubado", dicía Masa antes de comezaro percorrido. 

"Con esta nova marcha queremos reivindicar o noso dereito a ese futuro; queremos deixar claro que nós non renunciamos a recuperar o futuro que a Ría de Pontevedra merece e precisa e que, neste sentido, ningunha decisión xudicial arbitraria e inxusta como a recentemente ditada polo Tribunal Supremo nos vai impedir seguir loitando na defensa dos nosos dereitos. Trátase de berrar alto e claro que ENCE non pode seguir ocupando a zona de dominio público que hoxe ocupa porque esa zona é propiedade de toda a cidadanía, e temos dereito a recuperármola", declaraba Masa.

 

 

A mobilización, que partiu ás 12 horas das alamedas de Marín e Pontevedra, reuniu centos de persoas procedentes de toda a comarca e finalizou ante as instalacións de ENCE en Lourizán. "Non renunciamos a un futuro sen ENCE na ría" foi a consigna máis coreada polos manifestantes. Ao remate da marcha, celebrouse un xantar na Alameda de Pontevedra.

Xunto aos representantes da APDR, estaban tamén representantes doutros colectivos ecoloxistas como Adega, Greenpeace ou Ecoloxistas en Acción, e tamén políticos como o alcalde de Pontevedra ou a cabeza de lista ao Congreso do BNG pola provincia nas próximas eleccións xerais, Carme da Silva.

“A recuperación plena da nosa ría é un obxectivo prioritario do BNG e da maioría da sociedade pontevedresa.”, afirmou Da Silva, para quen ENCE é “un obstáculo para lograr ese obxectivo”. A candidata do BNG lembrou que "a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra supón desde a súa instalación nos anos sesenta do século vinte “o maior problema de carácter ambiental e urbanístico que ten a nosa comarca”. E engadía que  “todas as cidades europeas sacaron as industrias destas características das súas zonas urbanas, e en Pontevedra tamén temos o dereito a facelo. Nada xustifica que esa industria teña que estar en dominio público, que teña que estar no mar”, lembrando que "a factoría de ENCE en Pontevedra é a única do Estado ubicada en terreos marítimo-terrestres". 

 

 

"Europa xa mandou aviso claramente por outras concesións destas características noutros estados que era absolutamente contrarias a dereito", afirmou Da Silva defendendo que "na sentenza do Supremo pesan máis os recursos económicos da empresa, os cartos que move, que o dereito. É unha sentenza contraria á Lei de Costas e desde logo seguen abertas as vías xudiciais".

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que "os pontevedreses temos dereito a recuperar a ría que nos roubaron hai 65 anos. Eu como alcalde de Pontevedra vou seguir loitando por todas as vías para que iso non ocorra".

O manifesto da xornada foi lido diante da fábrica por Jorge Fernández, director do equipo redactor dun estudo, realizado pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña en colaboración coa APDR e o Concello de Pontevedra, que analiza as posibilidades de recuperación do espazo até o de agora ocupado por ENCE na ría, tentando transmitir "a mensaxe de que hai un futuro alternativo para Lourizán que pasa por recuperar a paisaxe".