Pontevedra repite como única cidade galega convidada na cimeira mundial do clima. Foino en 2015 en París e éo agora, de novo, na cita que vai decorrer do 2 ao 13 de decembro en Madrid, que acolle a cimeira que nun principio ía facerse en Santiago de Chile.
Pontevedra foi convidada oficialmente para participar neste evento que reunirá países de todo o mundo para debater sobre a crise climática e adoptar medidas e acción para lle facer fronte.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participará nunha mesa redonda que, no marco desta cimeira, analizará diferentes modelos urbanos. Delegados e delegadas de perto de 200 países estarán nesta cita de Madrid. Estímase que a asistencia a este evento roldará as 25.000 persoas.