Pontevedra presume de transformación urbana no Parlamento Europeo

A ponte medieval do Burgo é un dos espazos de uso peonil. (Foto: Concello de Pontevedra)

Unha delegación encabezada polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, participou no Foro do centro das cidades ademais de reunirse con entidades locais no Consello de Europa.

Acompañado de representantes das das cidades de Liubliana (Eslovenia) e Lund (Suecia), o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores interveu no segundo Foro do centro das cidades, organizado no Parlamento Europeo, para abordar a mobilidade e a peonalización de Pontevedra.

Segundo explicou "cando partimos no 1999, Pontevedra era un almacén de coches" por iso o novo Goberno local, daquela, tiña claro que era preciso un "cambio de paradigma para crear un proxecto buscando apoio social e executándoo con valentía política".

Máis espazo para os peóns

Unha das primeiras medidas acordadas para esa mudanza foi a de reducir o espazo destinado aos vehículos que "pasaron a ocupar 30% do espazo público, e os peóns, 70%".

Lembrou, ademais, a eliminación do tráfico de paso e a transformación das prioridades no espazo público, situando as persoas por riba dos coches.

Non hai carrís bicis, non segregamos espacios

A reivindicación do espazo público, sinalou Fernández Lores, da accesibilidade universal, dunha boa iluminación, renovación de servizos e renaturalización urbana constituíu a base dun proxecto integral no que a seguridade viaria ten unha importancia capital.

Seguridade viaria

En 2010 Pontevedra reduciu a velocidade en todas as vías municipais a 30km/h e en 2019 a 10km/h todas as zonas de preferencia peonil.

O rexedor municipal lembrou que estas medidas non só se conseguiriron con lexislación, senón tamén "co deseño da propia cidade", por exemplo coa instalación de pasos sobreelevados.

En Pontevedra, dixo, hai 597 instalados. A circulación das bicicletas está integrada no tráfico convencional. "Non hai carrís bicis, non segregamos espacios", explicou.

Pontevedra logrou reducir o tráfico a motor, aumentar a economía terciaria e a poboación no centro da cidade

Miguel Anxo Fernández Lores referiuse a outras medidas, como as alternativas de estacionamento -soterrado, perimetral de bordo e de balde e de 15 minutos no centro da cidade, tamén de balde- ou fomento da actividade económica, cultural e deportiva.

Maior autonomía das persoas

Os propósitos do modelo urbano que defende o Goberno local de Pontevedra son "reivindicar o dereito ao espazo público equitativo para todos e todas, sen diferencias de condición social, promover a autonomía das persoas e a perspectiva de xénero en todo o deseño urbano".

Reducíronse nun 60% as emisións de CO2

Neste sentido, concluíu, Pontevedra logrou reducir o tráfico a motor aumentar, a economía terciaria e a poboación no centro da cidade.

Pontevedra ten a poboación máis nova da Galicia, 80% dos nenos e nenas van camiñando ao colexio, reducíronse nun 60% as emisións de CO2 e "existe un recoñecemento internacional do modelo que incrementou a autoestima dos veciños e veciñas".