Pontevedra, en alerta polo surto balear: repuntan os casos e a incidencia acumulada

Turistas no aeroporto de Mallorca (Foto: Europa Press)
En Pontevedra e os demais concellos que fican no nivel medio non poderán operar os locais hostaleiros do lecer nocturno.

Galiza encadea sete xornadas consecutivas incrementando os casos activos da Covid-19. En concreto, segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, son 1.673 as persoas infectadas deste novo coronavirus (94 máis que o día anterior).

Medran tamén os novos positivos, 162 (+41), após manterse a principios desta semana arredor dos 120, e a taxa de positividade das probas PCR repunta a 2,7%. E soben, malia que de forma lixeira, os internamentos hospitalarios: 44 doentes en planta (+4) e dez na UCI (-2).

Por outra banda, a cifra de pasamentos desde o inicio da pandemia fica en 2.436, ao non notificar Sanidade novos óbitos.

O gromo de Balears deixa 155 casos confirmados

Na rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico da terza feira, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, evitou falar da "estabilidade" que viña sendo habitual nas comparecencias precedentes. Cos datos anteriormente expostos, a incidencia acumulada (IA) a 14 días sitúase en 54 casos por cada 100.000 habitantes, e a 7 días en 32 casos. "Supón un incremento, se non abrupto, si paulatino e continuado a respecto das semanas anteriores", advertiu.

Se ben hai sete días o Comité puña o foco na área sanitaria da Coruña-Cee —que aínda concentra unha de cada tres infeccións activas da Covid-19—, agora as persoas expertas alertan especialmente da situación de Pontevedra-O Salnés; en concreto, na comarca pontevedresa, que case cuadriplicou a súa IA a 7 días pasando de 25 casos a 85, polo que os concellos de Barro, Poio, Pontevedra e Vilaboa pasan ao nivel medio de restricións xunto a Cambados, Cambre, Castroverde, Oia e Vilanova —e Carnota e Sarria sitúanse en nivel alto—.

Este crecemento exponencial non é casual, senón que está estreitamente vencellado ao macrosurto xurdido en Mallorca (Balears), por mor das viaxes de fin de curso de estudantes que, na súa meirande parte, residen nesta área.

Até o momento confirmáronse 155 casos relacionados con este surto e 550 contactos estreitos identificados. De feito, na terza feira aterrou en Compostela un voo procedente de Mallorca no que deron positivo en coronavirus 49 dos 86 pasaxeiros —33 deles asociados cos gromos de Mallorca e os 16 restantes en estudo—.

Todos os viaxeiros, agás os pilotos, considéranse contactos estreitos: aínda que a PCR fose negativa, deberán ficar en corentena durante 72 horas, cando serán cribados de novo. E, de dar positivo unha das persoas pertencentes a un dos "grupos burbulla", todo o grupo estará en corentena dez días.

Aliás, nesta cuarta feira a Xustiza balear tombou o confinamento forzoso no hotel Palma Bellver das estudantes que non desen positivo. Alí permanece unha ducia de mozas e mozos galegos.

A cepa Delta gaña forza

Carmen Durán tamén fixo alusión ás variantes do coronavirus presentes en territorio galego. Así, con datos do pasado 28 de xuño, a cepa Alfa (británica) supón 75% das infeccións totais, con 760 casos confirmados por secuenciación xenómica. Aliás, téñense confirmado 36 casos da Beta (surafricana), 102 da Gamma (brasileira) e 52 da Delta (india).

Tamén se detectaron casos das cepas consideradas menos nocivas: nove da Delta Plus (colombiana), oito da Iota (estadounidense) e dúas da Eta (nixeriana).

Avance da vacinación

Noutra orde, na Galiza hai xa 1.212.620 persoas coa pauta completa da vacina (49,4% da poboación a inmunizar), e un total de 1.641.231 recibiron polo menos a primeira dose (66,9%).