49 positivos no cribado nun avión que chegou a Galiza procedente de Mallorca

Cribado no aeroporto (Foto: Sergas)

Deses casos, 33 están relacionados co foco de Mallorca e o resto están ‘en estudo’.

Representantes da Consellaría de Sanidade informaron esta cuarta feira que o número de casos na Galiza relacionados co foco de Mallorca aumentou a 155 - eran 108 esta terza - e que hai 550 contactos, o que implica corentena.

Nas últimas horas, indicaron, no cribado realizado a todos os pasaxeiros que chegaron ao aeroporto de Santiago de Compostela nun avión procedente de Mallorca detectáronse 49 positivos. Deles, 33 están relacionados co foco de estudantes de Mallorca mentres que os 16 restantes están en “estudo”.

Dese cribado aínda non está a secuenciación completa realizada, polo que non se pode determinar cantos positivos si que son da coñecida como variante Delta. Porén, desde Sanidade si que adiantaron que esta variante atopouse tamén neste cribado. 

A directora xeral de Saúde Pública explicou que se considera todas as persoas do voo, agás o persoal que ía na cabina do piloto, "contactos estreitos", polo que se están enquisando os afectados para pescudar os seus contactos e proceder a prescribir as oportunas corentenas "canto antes".

En rolda de prensa, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, explicou que se considera todas as persoas, con excepción do persoal que ía na cabina do piloto, "contactos estreitos", polo que se están enquisando os afectados para pescudar os seus contactos e proceder a prescribir as oportunas corentenas "canto antes".

Este 29 de xuño chegaron ao aeroporto de Santiago de Compostela, procedentes de Balears, 86 mozas e mozos cos seus monitores, que se atopaban en Mallorca gozando de viaxes de fin de curso (organizados pola súa conta). Todas e todos eles accederon a someterse ás probas PCR do coronavirus, que son voluntarias. 

Cando menos outra ducia de estudantes galegos permanecen confinados no hotel Bellver de Palma, segundo confirman fontes sanitarias de Balears, e permanecerán illados nesas instalacións, independentemente do resultado das súas probas PCR (algúns deles explicaron a Europa Press que o resultado foi negativo), até facer 10 días de corentena, por considerarse "contactos estreitos" de persoas contaxiadas ou vinculadas co macrofoco en Mallorca.