Pontevedra acolle esta semana a feira Edugal para coñecer a oferta de formación na Galiza

Conchi Pereiro e Anabel Guliás esta terza feira en rolda de prensa (Foto: Concello de Pontevedra).
A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, e a representante da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Conchi Pereiro, debullaron o contido deste evento que serve como un punto de encontro de estudantes.

O Concello de Pontevedra acolleu a presentación da décimo segunda edición de Edugal, o Salón de Educación e Formación da Galiza, que se instalará no Recinto Feiral entre o día 4 e o 6 de outubro e buscará dar resposta ás necesidades de información sobre a oferta formativa e orientación educativa.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e a representante da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Conchi Pereiro, debullaron o contido deste evento que serve tamén como un punto de encontro de estudantes, profesores, orientadores escolares, familias, responsábeis de centros educativos e profesionais da educación.

Gulías destacou o valor que ten Edugal para aquelas persoas que están a buscar formación e estudos "para despois inserirse no mercado laboral".

Neste sentido, a concelleira explicou que este evento funciona como "un lugar físico onde buscar e atopar información", unha cita na cal poder escoller unha formación que teña en conta os "novos nichos de mercado, novas tendencias e novos estudos".

Un escaparate

Tamén Conchi Pereiro incidiu en que Edugal pode ser un escaparate moi útil para todos os mozos que queiran seguir formándose e teñan certas dúbidas sobre que facer ou que escoller. "Hai moito alumnado que se atopa perdido nestes momentos e este salón pretende asesorar e mostrar cal é a oferta educativa que ten Galiza", afirmou.

Edugal contará este ano con 62 casetas e espera a visita de perto de 10.000 persoas ao longo dos tres días que durará o salón nos cales o Recinto Feiral dará cabida a ducias de conferencias, charlas e mesas redondas; ademais de talleres de distinta índole.