Pontevedra acolle unha nova manifestación para reclamar a abolición das touradas

Manifestación en Pontevedra

A manifestación partirá ás 20h da praza da Peregrina. Conta co apoio de máis de 50 colectivos e busca repetir o éxito de asistencia acadado a semana pasada na Coruña. 

O movemento contra as touradas ten unha nova cita este sábado en Pontevedra, logo da exitosa protesta da pasada semana na Coruña. A manifestación partirá ás 20h da praza da Peregrina para esixir non só a “abolición desta práctica de maltrato animal, tamén que se retiren os fondos públicos que manteñen con vida un espéctaculo moi minoritario”, explica Rubén Pérez, voceiro da plataforma ‘Galiza, mellor sen touradas’.

O acto cobra especial importancia, segundo os organizadores, despois da asistencia do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto a outros cargos do PP, á presentación dun libro onde se cualifica as posicións antitaurinas de “nazis”. 

“É parte da estratexia da trama taurina. Desprestixiarnos e facer un uso personalista das institucións públicas. Pasa na Coruña, onde os subvenciona o concello, e pasa en Pontevedra coa Deputación. Financian aos empresarios e tamén a peñas taurinas cos cartos de todos”, sinala Pérez. 

A concentración na cidade do Lérez contará o apoio de máis de 50 colectivos e plataformas. A mañá de este sábado, a organización ‘Igualdade Animal’ realizou un acto simbólico cunha cadea humana que rodeou a praza de touros de Pontevedra, a única que existe en Galiza, onde asistiron preto de 300 persoas. 

Os organizadores resaltan que o proceso é xa irreversíbel porque as cifras demostran que as corridas de touros son un espéctaculo residual. Só un 0,8% da poboación galega admite a súa asistencia a eventos taurinos, segundo datos do propio Ministerio de Cultura.