SOCIAL

As elites da Coruña xa presionan para que se manteñan as touradas malia o seu novo e estrepitoso fracaso

Sen Touradas

O éxito das mobilizacións antitaurinas e o enorme fracaso das tres touradas que se celebraron no Coliseo acenderon as alarmas entre as elites coruñesas que defenden unha feira taurina que recibe 90.000 euros de subvención indirecta por parte do concello.La Voz de Galicia xa se posicionou ao seu favor.

As dúas mil persoas que participaron na marcha celebrada polas rúas da cidade a prol da abolición deste tipo de espectáculos chocaron coas apenas un milleiro que acudiron ás corridas de touros nas súas dúas primeiras citas, dobrándose esa asistencia o domingo cun cartel encabezado por figuras do mundo da prensa rosa. As bancadas baleiras do Coliseo -con capacidade para 8.000 persoas- nun espectáculo que rexeita a maioría da poboación e que apenas conta cunha afección moi minoritaria pero en boa parte pertencente aos sectores máis poderosos e conservadores da urbe poñen en dúbida a continuidade da feira, posto que a empresa que a xestiona non está interesada en seguir, dado que causa importantes perdas malia o apoio do concello, duns 90.000 euros por vía indirecta.

 

A evidencia do fracaso das touradas é tal que mesmo o alcalde do PP, Carlos Negreira, evitou comprometerse claramente coa súa continuidade nas festas do ano que vén, o que se une ao rexeitamento total de BNG e EU, ao que agora se suma o propio PSOE que puxo en marcha esta actividade a principios dos anos noventa, en pleno vazquismo.

 

Ante un horizonte sen touradas -que entenden como unha mostra de posición e case un dereito- os taurinos da cidade xa comezan a presionar para que se manteñan os festexos e o apoio municipal, posto que sen o mesmo é moi complicado que algunha empresa organice a deficitaria feira. E para lanzar mensaxes nese sentido xa utilizaron La Voz de Galicia, onde nun artigo asinado polo responsábel local do periódico deféndese a súa continuidade a base de datos dubidosos, cando non falsos.

 

Así, La Voz afirma que só foron 200 @s manifestantes contra as touradas cando as imaxes proban que ese número se multiplicou varias veces e -en contra de calquera enquisa ou pulso da rúa- chega a afirmar que estes teñen “un nulo respaldo social”. De BNG, EU e incluso PSOE dise que queren sacar votos coa súa postura neste tema. Á formación nacionalista mesmo a acusa de si apoiar a feira de Pontevedra a pesar de que o seu goberno alí non achega nin un peso a estes eventos, pero non ten competencias para prohibilos. Ademais, esaxera moito a asistencia ao Coliseo, critica ao alcalde por non ser moi partidario das touradas e márcalle unha folla de ruta -axudas públicas incluídas- para continuar cun espectáculo protestado e que apenas xera interese na Coruña alén dun pequeno sector elitista.