A PODA DE áRBORES SENLLEIRAS

De Ponte Ledesma á Casa de Ordax

Eucalipto das Lombas antes da poda

Está en perigo a protección das árbores senlleiras? De quen depende decidir cando e de que maneira se podan? Adega advirte do "desleixo institucional" da Xunta. 

A poda da oliveira de Ponte Ledesma (Boqueixón) non é o único caso acontecido no país a respeito dunha árbore senlleira. En febreiro de 2015 Adega denunciou un acontecemento semellante a respeito do Eucalipto do Maná ou das Lombas localizado na Casa de Ordax, na parroquia de Loentia, no concello de Castro de Rei. A poda fora desenvolvida en decembro de 2014 agredindo os trazos que o catalogaban como un exemplar singular ao ter rebaixado en máis da metade a súa altura, porte e envergadura. 

O Eucalipto da Casa de Ordax medía 45 m. de altura e 35 m. de diámetro das pólas, após ser podado minguou á metade

O Eucalipto do Maná acadou "ao longo dos últimos séculos "unha corpulencia descomunal que lle ten valido todo tipo de recoñecementos canto ás súas características estéticas con dimensións que acadan os 45 m de altura e os 35 m de diámetro das pólas, facendo que esta árbore domine a paisaxe da Terra Chá en varios quilómetros ao redor", sinalaban na altura desde Adega. Aliás, o seu "perímetro e dendrometría troncal próxima aos 9 metros, unha cifra que se agranda até alcanzar os 11 metros na base do seu portentoso tocón de pata de elefante" foron "os responsábeis de que forme parte do Catálogo galego de árbores senlleiras desde o momento mesmo da súa constitución en 2007". 

A Xunta delega nas xefaturas territoriais

De facto, a Xunta de Galiza introduciu unha mudanza no Decreto 67/2007 polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras pasando a facer parte das xefaturas territoriais a decisión sobre a catalogación ou non dunha árbore ou formación, o establecemento de medidas preventivas ou non, a solicitude de informe ao Comité ou non, xunto coas decisións sobre a xestión das devanditas árbores protexidas, isto é, podas e outras intervencións. "O descenso no nível da toma de decisións ao rango provincial racha co criterio de harmonización a nível galego, co risco de aplicar criterios dispares, contraditorios ou condicionados por intereses locais", denunciaron desde Adega. "Con esta modificación, a Xunta considera ás Árbores Senlleiras pouco menos que un atranco, e pretende lexislar como noutos tantos casos para desprotexelas de facto e consagrar a arbitrariedade na súa xestión". 

Para alén do máis, ao fío do acontecido coa oliveira de Ponte Ledesma, Adega denunciou o "desleixo institucional" da Xunta noutros puntos do país a respeito da protección das árbores como parte do patrimonio. Eis o caso, aseguran, da Fraga de Casas Vellas (Lalín) ou o Ameneiral de Sarria.