Podan 'ás bravas' unha oliveira de trescentos anos en Boqueixón

Oliveira de Ponte Ledesma [Imaxe Adega]

A árbore podería ter sido plantada en 1735 agasallada por comerciantes de aceite no seu traxecto de Ourense a Compostela. 

Adega vén de denunciar publicamente a poda dunha oliveira no lugar de Ponte Ledesma, concello de Boqueixón. "A tolerancia desmedida dalgunhas administracións coa expansión do eucalipto contrasta co desleixo pola protección das nosas árbores senlleiras", asegura a asociación ecoloxista. 

E é que se trata dun exemplar que podería ter por volta de trescentos anos de antiguidade. Segundo conta Adega apoiándose no relato da veciñanza, a oliveira podería ter sido plantada en 1735 cando rematou a construción da igrexa parroquial sendo un agasallo de comerciantes de aceita que pasaban pola localidade no seu traxecto desde Ourense cara Compostela. 

O exemplar pertence á raza Brava Galega que estivo a piques de desaparecer 

"Son dunha raza autóctona, a "Raza Brava Galega" que estivo próxima á extinción e que actualmente está en vías de recuperación", sinala Adega

En días recentes semella que alguén da veciñanza decidiu podar a árbore "polas bravas", din desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. Porén, a obra tería sido rematada polo persoal municipal para "homoxeneizar" o perfil da árbore até o ponto de que apenas fica o tronco. 

Aliás, segundo lembra a asociación ecoloxista "no seu momento" o goberno galego "rexeitara a iniciativa veciñal de incluir ás árbores no Catálogo das Árbores Senlleiras, porque ao parecer, non daban a talla". "Resulta lamentábel que a Xunta primeiro e o concello de Boqueixón despois fagan ouvidos xordos ás demandas da cidadanía de protexer as nosas árbores e formacións máis senlleiras", denuncian, ao tempo que, din, "por desgraza, casos como as oliveiras de Ponte Ledesma, exemplos de desleixo institucional e falta de sensibilidade polo coidado deste patrimonio, non faltan: o ameneiral de Sarria, a fraga de Casas Vellas, a carballaira de Anllares, o eucalipto de Maná...", lembran.