Ponte Caldelas culmina esta fin de semana a súa histórica Festa da Troita

Unha edición da Festa da Troita de Ponte Caldelas (Foto: Turismo da Galiza).
A degustación gastronómica ten lugar na Alameda tras o concurso de pesca. Xunto coa troita, ademais, é posíbel degustar outras moitas especialidades da zona, como cabrito e caza (perdiz e coello).

Desde 1967, por iniciativa dun grupo de pescadores da localidade, Ponte Caldelas enxalza a afluencia de troitas no río Verdugo e organiza unha popular festa gastronómica, loada por literatos e personaxes da vida social e cultural galega, e un Concurso Internacional de Pesca moi coñecido polos afeccionados.

Van xa 55 edicións desta festa para a que todas as sociedades de pesca da Galiza son convidadas a participar na competición que ten lugar no paseo fluvial entre a praia fluvial da Calzada e a vila e é seguido in situ con curiosidade e admiración, polo público.

A degustación gastronómica ten lugar na Alameda tras o concurso de pesca. Xunto coa troita, ademais, é posíbel degustar outras moitas especialidades da zona, como cabrito e caza (perdiz e coello).

Os hostaleiros da vila son os encargados de preparalas, de distintos modos. O domingo ten lugar a entrega de trofeos do concurso de pesca coa presenza de autoridades e numerosos afeccionados e a Alameda volve de público. Despois, ten lugar un banquete no que foi o antigo balneario de Ponte Caldelas, nunha fermosa paraxe xunto ao río.

"Unidade veciñal"

En declaracións a Nós Diario, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, tratou o decorrer desta nova edición da festa dicindo que “xa non é unha festa só de fin de semana, senón de todo un mes. A festa da Troita é todo un éxito porque é un símbolo de unidade veciñal”.

“O noso é un concello moi vivo e moi activo e natural e medioambientalmente é realmente fermoso. Esta festa é unha grande oportunidade para que a xente coñeza Ponte Caldelas”, acrecenta o rexedor.

Acerca da historia da festa, Díaz indica que “xa van 55 edicións e buscaremos que dure outras tantas. É, de feito, a festa gastronómica máis longa de todo o Estado español”.