En defensa da biodiversidade

Propoñen que nas plantacións forestais na Galiza haxa unha reserva ecolóxica de 30% para o bosque nativo

É una das propostas que figuran no documento ‘Por un monte galego con futuro’, impulsado por doce organización e entidades na defensa doutro modelo forestal.

Por un monte galego con futuro é o título da proposta conxunta elaborada por doce organizacións sindicais, ambientalistas e do mundo rural galegas, un documento que presenta alternativas para o monte galego que serán base dunha campaña de sensibilización social que levará, na segunda quincena de outubro, a unha manifestación nacional en Compostela. No texto contémplanse medidas e propostas en diferentes eidos, desde os incendios forestais á xestión e ordenación do monte.

Un deses apartados fai referencia á necesidade de preservar e defender a biodiversidade na Galiza. Aí é onde esta ducia de organización e colectivos expoñen sete propostas de actuación. “Estabelecer unha reserva ecolóxica do 30% para bosque nativo en plantacións forestais” é una das medidas.

Outras ideas recollidas no documento neste campo pasa pola creación de bancos de xermoplasma ou de sementes das diferentes especies autóctonas, ou as axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas, a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes.

Entidades promotoras:  Adega, Asociación Frouma, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Amigos da Terra, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (Fruga), Montegal, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG)