Poñen fin á greve de fame en Povisa por motivos de saúde

Folga fame Povisa

Após 14 días de xexún, Chus, Carmen e Edu abandonaron o protesto ao evidenciaren "problemas serios" de saúde nos controis. A asemblea de traballador@s acordou manter as mobilizacións.

 

A piques de cumprírense dúas semanas desde que deu comezo a greve de fame de tres representantes do comité de empresa de Povisa, a asemblea de traballador@s decidiu esta segunda feira dar por rematado o protesto. E é que as dúas persoas que mantiñan o xexún, Chus e Carmen --após abandonar Edu o sábado-- evidenciaban xa "problemas serios" de saúde nos controis que rotineiramente lles eran practicados. 

Segundo informaron, o abandono visa evitar posíbeis danos físicos derivados da inanición e logo de teren perdido perto de 8 quilos. Nos últimos días, @s compañeir@s de Povisa e as demais persoas que integran o comité de empresa xa lles solicitaran que cesasen no protesto perante a actitude da dirección do hospital. 

Logo de se acordar o fin da greve de fame a presidenta do comité, Chus Neira, quen mantivo até o final a folga criticou a Povisa, a conselleira de Sanidade e a delegada territorial pois ningunha delas se reuniu c@s traballador@s ao longo deste tempo. 

Malia todo, o cadro de persoal continuará coas mobilizacións para denunciar o despedimento de 13 empregad@s e exixir a súa readmisión. A primeira delas terá lugar este terza feira diante do hospital a partir das 12.30 horas, onde se desenvolverá unha concentración de traballador@s, doentes e utentes en defensa do emprego e da calidade asistencial.