Advirten dunha ducia de casos positivos

CCOO denuncia que o hospital Polusa engana coas cifras de contaxios

Hospital Polusa, en Lugo.
O sindicato CCOO (Comisións Obreiras) acusa a dirección do Hospital Polusa de Lugo de "enganar" a sociedade coa cifra de positivos pola Covid-19 que hai na súa Unidade de Maiores.

A sección sindical de CCOO-Sanidade no hospital privado Polusa (Lugo) acusa a dirección de "enganar" cos casos da Covid-19 detectados na Unidade do Maior. Mentres que o centro atribúe os contaxios a unha traballadora, de baixa desde finais de agosto. CCOO denuncia que non se illou debidamente as persoas contaxiadas e que "a traballadora deu positivo o día 25 de agosto e está de baixa médica desde entón". O comité de seguridade e saúde "soubo do positivo o día 26 pero non pola dirección do centro", denuncia o sindicato.

Cando CCOO solicita información ao centro, o director médico comunica o positivo e que se realizaron PCR ás residentes na Unidade do Maior e aos contactos da traballadora. O resultado foi de tres positivos, todos na Unidade do Maior. Con estes datos, o comité de seguridade e saúde instou a illar os doentes e que fosen tratados por persoal exclusivo. A dirección de Polusa, segundo CCOO, non atendeu esta petición e, a día 4 de setembro, xa había oito positivos, que ascenderían a dez un día despois. Segundo CCOO, a día de hoxe hai outros dous casos positivos entre o persoal, e denuncia que "pagaron do seu peto" as probas PCR, xa que non foron considerados persoal de risco por parte da dirección.