Polo dereito a parir con dignidade

Encerro no Hospital de Verín polo peche da sala de partos (Europa Press).
O Concello de Verín clama de forma unánime contra o peche do paridoiro comarcal. O PP local sumouse á declaración institucional do Concello contra o peche do paridoiro do hospital comarcal. A conformidade que até o momento amosou a veciñanza na rúas dá o salto ás institucións locais e provinciais, que piden unha resposta "consecuente e coherente" coas demandas sociais.

O anuncio do peche do paridoiro de Verín derivou nunha fraternidade pouco habitual neste tempo. O rexeitamento é unánime. O acordo sobre a necesidade de manter aberto o servizo é tal que estes días disimula calquera diferenza ideolóxica entre a veciñanza da comarca.

Hai conformidade entre a cidadanía pero tamén entre as forzas políticas que a representan no Concello. Todos os grupos presentes nesta institución -PSOE, BNG e PP- aprobaron, no pleno municipal celebrado esta cuarta feira, unha declaración institucional contra a desaparición da sala de partos.

No seu escrito defenden a sanidade pública como “dereito fundamental” e o Hospital Comarcal de Verín como base “do maior e máis importante servizo público da comarca”.

Tamén coinciden en sinalar a “grande alarma social que está provocando entre a veciñanza” o feito e que as mulleres de Verín e da súa comarca xa non poidan parir no hospital, “un servizo fundamental para o desenvolvemento” da contorna e a supervivencia digna de quen elixiu vivir nunha das zonas “máis deprimidas” pola perda de habitantes e a dispersión da poboación. “Non é compatíbel falar de potenciar ou de apoiar o rural con suprimir un servizo sanitario de semellante transcendencia”, recolle a declaración institucional. 

Marcha atrás

O documento, que trasladan á Consellaría de Sanidade, expresa o “frontal rexeitamento” do Concello á decisión anunciada pola Xunta, o seu “apoio e recoñecemento a todos os profesionais da sanidade pública que desenvolven o seu labor no Hospital Comarcal de Verín”, e toda a “solidariedade coas mulleres embarazadas e as súas familias para que poidan seguir parindo no noso hospital”.

O alcalde de Verín asegura que están traballando en todos os eidos, tamén no xudicial.

Todos os grupos políticos instan á Administración a que revogue a súa decisión e pídenlle que “non só se manteña o actual paridoiro, senón que se reforce coas medidas necesarias tanto de persoal como de recursos para darlle unha total seguridade”. E reclámanlle, ademais, que ese mesmo empeño “se faga extensivo a cantos outros servizos ou especialidades médicas do Hospital” o requiran.

En declaracións a Sermos Galiza, o alcalde socialista Gerardo Seoane asegura que están traballando en todos os eidos, e incide en “todos”, en alusión a unha presumíbel “denuncia xudicial do que consideramos un atentado contra os dereitos das mulleres a decidir onde parir”.

Defendemos o dereito a parir con dignidade perto da súa casa e con toda a calidade asistencial.

Desde o BNG, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, remarca a solidariedade da veciñanza de toda a comarca á hora de exixir a continuidade da unidade de partos de Verín, un servizo que garanta poder parir con dignidade perto da súa casa. Porque a desaparición desta unidade, advirte, condena as embarazadas da contorna a ter que “parir no medio do camiño” sen saber quen se fará cargo da “falta de calidade asistencial” que van sufrir cando iso suceda.

O PP de Ourense, contra o peche do paridoiro

Á corrente máis reivindicativa dos grupos da oposición do Goberno galego uniuse nas últimas horas o PP de Ourense mais os grupos populares municipais afectados polo peche do paridoiro de Verín. Piden que se manteña o servizo e urxen á Consellería de Sanidade para que dea marcha atrás e revogue o pechamento.

O PP de Ourense pídelle á Xunta de Galiza que rectifique a súa decisión de pechar o paridoiro de Verín para ser consecuentes e coherentes coa demanda social.

O presidente provincial del PP e responsábel da Deputación, Manuel Baltar, desmarcouse da posición do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo; a quen lle trasladou a súa “obriga de defender os intereses de Ourense por riba de calquera outros”. Baltar pídelle á Xunta que “rectifique” para “ser consecuentes e coherentes coa demanda social" que non reclama unha ampliación de servizos, dixo, “senón que se manteñan os que había”.

Na mesma liña manifestouse o voceiro municipal do PP de Verín. En conversa con Sermos Galiza, Juan Manuel Jiménez reiterou que non están de acordo coa decisión. “Respectamos os argumentos dos xefes de pediatría e xinecoloxía” nos que se ampara a Consellaría para tomar a “decisión técnica” de pechar a unidade de partos do hospital comarcal, afirma, “pero se durante 25 anos o servizo funcionou, ao igual que outras moitas especialidades, e as profesionais encargadas de atendelo contribuíron coa súa experiencia non entendemos que non siga adiante”.

Agora, di, Jiménez “toca traballar para poder reverter esta situación”. Se ben, non teñen previsto, “de momento”, ningún novo encontro cos responsábeis da Consellaría de Sanidade nin da estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense.

Desmantelamento dos hospitais comarcais

Desde o BNG de Verín, Diego Lourenzo sinala a necesidade de que o PP de Ourense faga valer “a súa posición política” para que a Xunta anule o peche. “Se están convencidos da necesidade do servizo cómpre que exerzan a presión necesaria para que a cúpula do seu partido dea marcha atrás”, asegura.

Diego Lourenzo mantén que a decisión da Xunta de pechar o paridoiro de Verín é unha mostra máis da tendencia do Goberno galego cara o desmantelamento do hospital comarcal. “A preocupación da xente é que detrás deste servizo caia cirurxía, e detrás deste, ollos; até convertelo nun gran centro de saúde”. Ese é o medo.