Policías por la Libertad maniféstanse "contra a imposición das máscaras"

Asistente á manifestación de Madrid contra o uso de máscaras (Imaxe: Jesús Hellín / EP)
A nova asociación policial convocou para este sábado unha manifestación polas rúas de Madrid contra o uso das máscaras e contra a xestión que o Goberno estatal fixo da pandemia causada pola Covid-19.

A asociación Policías por la Libertad, de recente creación, convocou para este sábado unha manifestación polas rúas de Madrid contra o uso das máscaras e contra a xestión da pandemia causada polo coronavirus que está a desenvolver o Goberno estatal, segundo informou a propia entidade nunha nota de prensa.

A marcha desenvolverase este sábado e comezará ás 16 horas desde a Porta da Independencia do parque do Retiro de Madrid, seguirá até o Congreso dos Deputados e rematará na sede do Ministerio do Interior, situado no número 5 do Paseo da Castelá, onde lerán un comunicado.

Os convocantes teñen previsto concentrar 500 persoas, segundo indicaron a Europa Press fontes do departamento que dirixe José Manuel Franco, desde o que organizaron un dispositivo policial de vixilancia acorde e proporcional á protesta comunicada.

"Con esta marcha queremos unir policías e cidadáns e queremos mostrarlle ao Goberno o noso total desacordo con todas as medidas restritivas de dereitos que está a impor a todos os españois e pedirlle que deixe de utilizar os policías e gardas civís para meter medo aos cidadáns e para os seus fins políticos", dixo a portavoz da asociación nun vídeo, que ten case 30.000 visualizacións en Youtube.

"Queremos mostrarlle ao Goberno o noso total desacordo con todas as medidas restritivas de dereitos que está a impor", din desde Policías por la Libertad

 

Precedentes de 'manifas' negacionistas

E é que esta non é a primeira concentración de persoas que negan a existencia da pandemia causada pola Covid-19 na capital do Estado español.

Xa no mes de agosto a praza de Colón acollou outra manifestación antimáscaras. Ao igual que nesta ocasión, daquela o obxectivo da cita era potestar polas medidas de protección obrigatorias ante o virus e negar a existencia do mesmo. 

 

Animan outros colectivos militares a participar

A asociación negacionista tamén animou a través das redes outros colectivos policiais, militares, bombeiros e vixiantes de seguridade a que se unan á marcha. "O importante é que os cidadáns vexan que hai moitos membros das Forzas e Corpos de Seguridade para axudar e protexer. Xa abonda de abusos e de utilizar a Policía e a Garda Civil para meter medo. Xa abonda", apunta a portavoz.

O vídeo, no que se intercalan palabras sobreimpresas como 'Protexer e Servir', 'Ética Profesional', 'Dedicación e compromiso', 'Medo e fins políticos' ou 'Isto xa non vai de Pandemia ou Plandemia', fecha cunha imaxe das estatísticas de defuncións no Estado español os últimos anos da web do Ministerio de Sanidade e coa pregunta 'Pandemia ou Control?'.

 

Salvador Illa lanza un aviso aos negacionistas

O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, vén de lanzar un aviso a todos os grupos negacionistas, "as actitudes incívicas e violentas non son o camiño", dixo nun comunicado a pasada cuarta feira. Illa condena de forma "rotunda" este tipo de condutas que pon en perigo a saúde pública.

"Este non é o camiño", dixo Illa aos negacionistas

"Este non é o camiño", foron as palabras que utilizou para se referir ás actuacións dos negacionistas e insistiu en que hai que apoiar a ciencia e as persoas expertas, xa que, ao seu xuízo, "o  negacionismo, a banalización das cousas e as actitudes incívicas e violentas non son o camiño" para resolver a crise sanitaria. 

"Quen alenta e participan nestes altercados e disturbios tratan, en balde, de socavar a esperanza da cidadanía nunha solución científica, o seguimento das medidas de prevención e, en definitiva, destruír o nexo entre a cidadanía e as institucións democráticas", tachou.