A manifestación "magufa" de Colón xera 30 denuncias

O PP carga contra o Goberno español por ter autorizado a mobilización anti máscaras
Asistente á manifestación de Madrid contra o uso de máscaras (Imaxe: Jesús Hellín / EP)
photo_camera Asistente á manifestación de Madrid contra o uso de máscaras (Imaxe: Jesús Hellín / EP)

O delegado do Goberno español na Comunidade de Madrid, José Manuel Franco, asegurou nunha entrevista en televisión que xa se contabilizou unha trintena de denuncias "até o momento" por mor da manifestación acontecida na Praza de Colón de Madrid en que cidadáns se mobilizaron sen máscaras e sen manter distancias. O obxectivo da cita era potestar polas medidas de protección obrigatorias ante o virus e negar a existencia do mesmo. 

"Sancionarase coa máxima dureza permitida pola lei o incumprimento do uso da máscara na concentración", asegurou con rotundidade esta segunda feira, 17 de agosto, o delegado do Goberno. Haberá que "estudar caso por caso", engadiu Franco, para determinar o custo da multa atendendo a se houbo incumprimento da norma ou desobediencia. "Non só van ser 30 casos, imos investigar por todos os medios legais ao noso alcance algúns casos máis que se poidan tipificar e ser sancionados", concluíu.

Con todo, Franco dixo que ter disolto a manifestación tería sido peor, con "centos de persoas pululando descontroladas" polas rúas da capital española. 

"Os casos flagrantes de ausencia de máscara foron no centro da concentración", sinalou Franco, para valorar que de disolverse a convocatoria, eses compoñentes teríanse dispersado pola cidade. 

Así mesmo, o delegado do Goberno quixo insistir en que previamente á realización da mobilización non había "motivos obxectivos" para prohibir a convocatoria. 

Ao ser preguntado publicamente se autorizará unha nova manifestación promovida polas mesmas entidades convocantes, o delegado  garantiu que "se eses señores volven tentalo, non o van conseguir".

O Partido Popular cargou contra o PSOE e o delegado do Goberno por ter precisamente autorizado a manifestación anti máscaras. O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida (PP), pediu a José Manuel Franco "que non se faga o indignado" co acontecido na manifestación da Praza de Colón, "xa que é el quen ten as competencias para evitala".
"Parece razoábel pensar que nunha concentración que pide non usar máscaras, non levarán máscaras nesa concentración. O que un non pode facer é trampas. A Delegación non pode mostrar a súa indignación tendo competencias para tratar de evitar o que se produciu", expresou o rexedor madrileño. 

Comentarios