Policía identifica e retén 4 persoas en Ferrol por anunciar a manifestación do 30S a favor do referendo catalán

Imaxe dunha concentración en Ferrol a prol do 1-O.

Fundaçom Artábria informa que estiveron retidos 20 minutos e que os axentes ameazaron nun primeiro momento con lles requisar o material que anunciaba a mobilización deste sábado en Compostela (Praza da Alameda, 12 horas) na defensa do 1-O.

Catro persoas foron identificadas e retidas no bairro da Magdalena de Ferrol por axentes da policía española por facer propaganda da manifestación que este sábado, 30 de setembro, terá lugar en Compostela na defensa do referendo. Segundo informa a Fundaçom Artábria –da que fan parte como socias estas catro persoas-, o “amplo dispositivo da policía española” chegou a ameazar nun primeiro momento con requisar o material que anunciaba a mobilización. “Finalmente desistiron depois de 20 minutos de retención ilegal cando non atoparon a palabra 'referendo' no cartaz”, afirman.

 

As catro persoas estiveron detidas por volta de 20 minutos, nuns feitos que tiveron lugar na tarde noite desta terza feira. Desde Artábria, que integra a Plataforma Galiza con Catalunya, reafirman perante estes feitos: “manifestamos o noso apoio ao referendo do 1 de outubro, onde o pobo catalán exercerá o lexítimo direito a decidir o seu futuro”.

 

Colectivos e entidades denuncian as identificacións e retencións por facer campaña polo referendo que se están a dar en Catalunya, no que constitúe un recorte en liberdades públicas e dereitos civís. Unha dinámica que se estende a outras partes do Estado, como evidencian situacións como a acontecida en Ferrol ou a prohibición de actos en Madrid e Gasteiz, entre outros.