“Defender Catalunya é defender a democracia”: Solidariedade nas rúas galegas contra a represión ao 1-O

Imaxe da concentración en Compostela. Vía Pilar Lueiro.

Centos de persoas secundaron as mobilizacións nas cidades galegas contra o operativo policial desta cuarta feira contra o referendo.

Centos de persoas saíron na noitiña desta cuarta feira á rúa nas cidades galegas para rexeitar a operación policial que decorreu en Barcelona contra o referendo do 1-O e que se saldou coa detención de 14 persoas. A defensa dos dereitos civís e do dereito do pobo catalán a autodeterminarse foron os dous eixos básicos que alicerzaron as concentracións, convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya e que decorreron nas sete principais cidades galegas: Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Ourense.

“Están poñendo en evidencia que se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta”, afirma a plataforma. Por iso, reiterou, “queremos expresar a nosa máis rotunda condena a estes feitos”.

 

As persoas que se manifestaron expresaron a súa solidariedade e apoio para co dereito do pobo catalán a elixir o seu futuro, denunciando a aposta do Estado español na vía represiva, con detencións, rexistros, prohibicións de actos, comisos de diverso material, intervención de correspondencia... Algunhas persoas exhibiron papeletas de voto para o referendo, como as que está a requisar a Garda Civil en diferentes puntos de Catalunya.

 

En Compostela, a concentración en Toural saiu en manifestación para percorrer diferentes rúas da capital. 

Nos últimos días decorreron en Galiza diversos actos de apoio ao proceso que se vive en Catalunya. En Ribeira, o Concello denegou a Galiza Nova o uso dun local municipal para a realización dunha palestra sobre o dereito a decidir das nacións sen Estado. Faino indicando que “puidese interpretarse a cesión da sala por parte do Concello como favorecer un acto de apoio a un referéndum convocado por unha lei que foi suspendida polo Tribunal Constitucional”.

 

Manifestación

 

A plataforma Galiza con Catalunya -constituída por organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais galegas en apoio ao proceso catalán- anunciou esta cuarta feira a convocatoria dunha manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado día 30 de setembro, con saída ás 12:00 horas da Alameda, “en apoio á democracia e ao dereito a decidir do pobo catalán”.

 

Imaxes de @cerna, @BNG_comarcaAC @anovaourenase e Pili Lueiro.