Crise dos pellets

Polémica pola cobertura da TVG da manifestación en Santiago: "Propaganda pura e dura"

Imaxes que mostrou a TVG da limpeza das praias xusto despois de informar da manifestación (Foto: TVG).
Este mesmo domingo, o presidente da Xunta e líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, cargou contra a oposición galega -con especial intensidade contra o BNG-, á que acusou de continuar sementando "bulos" que afectan o sector pesqueiro.

A sociedade galega saíu en masa ás rúas de Santiago de Compostela este domingo en defensa do mar e contra a xestión da Xunta da Galiza liderada por Alfonso Rueda da crise dos pellets de plástico que aínda afecta o litoral do país.

Nas últimas horas, saltou a polémica nas redes sociais por mor da cobertura informativa que a Televisión da Galiza (TVG) fixo desta histórica mobilización que congregou millares de persoas na capital galega.

Inmediatamente despois de informar acerca da manifestación, a TVG pasou a indicar que na mesma xornada do domingo “hai 350 efectivos da Xunta repartidos nas praias galegas traballando na limpeza dos pellets” e que “xa se recolleron 3.500 quilogramos de plásticos nas praias galegas”.

Unha cobertura informativa que persoas usuarias das redes sociais cualificaron de “propagandística pura e dura” por falar de efectivos contratados polo Goberno galego e xusto despois de informar da manifestación que tivo lugar en Compostela.

"Bulos"

Este mesmo domingo, o presidente da Xunta e líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, cargou contra a oposición galega -con especial intensidade contra o BNG-, á que acusou de continuar sementando "bulos" que afectan o sector pesqueiro.

Na clausura da Interparlamentaria popular que decorreu en Ourense, e na mesma semana na que o PP denunciou "un armazón de manipulación dixital para atacar a Xunta, ao partido e a el mesmo", Rueda lamentou "o dano" sufrido polo sector do mar por culpa de "as mentiras e bulos dos últimos días" e que continúan, dixo, este domingo na capital galega.

Tras advertir que os seus rivais políticos "van a por nós", Rueda puxo o foco no BNG e afirmou sentir "noxo" polo "apoio" dos nacionalistas galegos "a presos de ETA".

"E hoxe aí está o nacionalismo en Santiago montando bulos, porque cren que aínda é posíbel algún rédito, falando mar dos nosos martes, dos nosos pescadores. Iso é o nacionalismo, sempre enfadados", proclamou, antes de aludir ao apoio que reciben de "os seus maiores socios", que son os socialistas galegos.