A polémica das bandeiras azuis

Unha das bandeiras azuis que se ofrecen cada ano ás praias coas supostas mellores condicións. (Foto: Xunta da Galiza).
A concesión de bandeiras azuis ás praias estase a converter no epicentro de numerosas polémicas ao ser considerada por sectores ecoloxistas como unha "fraude", dado que a promoven empresas turísticas privadas ás que acusan de velar só polo seu propio beneficio e non polas condicións medioambientais dos areais. 

No ano 2021, o concello de Nigrán, que chegou a contar en anos anteriores con catro praias con bandeira azul, renunciou a solicitar esta distinción, que supostamente ofrece un selo de excelencia, tanto pola xestión ambiental como pola xestión de conservación do ecosistema costeiro. A priori, resulta paradoxal que un concello decida non aspirar a conseguir unhas bandeiras que garantirían unhas óptimas condicións das súas praias.

Hoxe en día, moitas turistas e veraneantes elixen os seus destinos vacacionais en función das características do litoral ao que se desprazan, tendo moi en conta a presenza ou carencia de bandeiras azuis. Estas xa conforman un distintivo característico das praias galegas e condicionan a relevancia social da nosa costa. Porén, a realidade das bandeiras azuis é moi diferente da idea que ten delas a poboación xeral. 

A orixe do selo azul

As bandeiras azuis naceron no ano 1982 a cargo da Fundación Europea de Educación (FEE) Ambiental, unha organización privada e non gobernamental que decidiu crear o logotipo para premiar as praias e os portos deportivos europeos con maior calidade ambiental, coa subvención da Comisión Europea. Isto significa que, a diferenza do que habitualmente se pensa, as bandeiras azuis non son un selo proporcionado por un comité europeo público, senón que proveñen dunha institución privada, con sede en Dinamarca, cuxo xurado valora as praias candidatas de maneira anual e determina cales son as privilexiadas que merecen tal título e cales non.

Para que este xurado conceda unha bandeira azul, a praia candidata debe contar con certos requisitos entre os que se atopan a boa calidade da auga, servizos de salvamento como socorrismo e teléfonos de emerxencia, outro tipo de servizos como papeleiras, aparcadoiros, limpeza periódica e vixilancia, e, finalmente, accións de formación ambiental e de información aos usuarios como placas descritivas, guías turísticas e demais.

O rigor das bandeiras

No que respecta ao Estado español, é a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) a encargada de xestionar as bandeiras azuis no territorio. A Adeac foi cofundadora, xunto con cinco asociacións europeas máis, da FEE en 1982 e, actualmente, funciona como unha rama estatal da fundación. Se ben na Galiza, e de maneira xeral no resto do Estado, as bandeiras azuis seguen a ter unha gran relevancia por estaren asociadas á excelencia, no resto de Europa xa hai tempo que foron perdendo ese prestixio e mesmo chegan a ser consideradas unha fraude. Resulta un selo que a Unión Europea non apoia na actualidade debido á ausencia de "rigor técnico, científico ou administrativo". Cada vez máis, a concesión de bandeiras funciona como un distintivo promovido por asociacións privadas ligadas a empresas turísticas co único fin de atraer visitantes e acadar beneficios económicos. 

A pesar de que dos catro criterios empregados para a concesión de bandeiras, tres deles (información e educación ambiental, calidade da auga e xestión ambiental) fan referencia a aspectos relacionados directamente co medio ambiente, parece que o que acaba por resultar decisivo é o criterio de servizos e seguridade. Diferentes colectivos ecoloxistas denuncian que as bandeiras azuis entréganse sen a realización previa de ningunha inspección ou avaliación rigorosa do estado medioambiental dos lugares. De feito, só se analiza a presenza de servizos que se lles ofrecen ás persoas bañistas como latrinas, aparcadoiros ou postos de socorrismo, mais non a  calidade do areal propiamente dito.  

Un dos aspectos máis importantes debería ser a análise da calidade da auga que, aínda que se realice cada ano,  parece non ser un factor determinante para a concesión das bandeiras. No referido á Galiza, varios informes demostraron que certas praias non deberían ser aptas para o baño polos elevados niveis da bacteria E.coli; algunhas destas praias son as de Orzán, Matadeiro, As Lapas, Mera ou Naval, entre outras. Con todo, estes areais non só están abertos aos bañistas senón que varios deles contan mesmo co selo da bandeira azul, o que demostra, dunha forma evidente, a ineficacia desta distinción. 

Denuncias e renuncias

A insuficiencia de garantías sanitarias das augas de praias con bandeira azul ten sido denunciada tamén en numerosos lugares do Estado español, nomeadamente en Andalucía. Por outro lado, cómpre tamén salientar que en ocasións a instalación das infraestruturas exixidas pode chegar a danar elementos naturais como dunas ou vexetación de litoral. En Euskadi, as bandeiras azuis practicamente non existen; a totalidade dos concellos de Guipuscoa renunciou a elas. A credibilidade do selo fica cada vez máis en cuestión. 

Perante esta situación, a asociación Ecoloxistas en Acción publicou, o pasado mes de xuño, o informe anual, que leva realizando 15 anos, no que outorga, en contraposición coas concedidas pola FEE, as súas “bandeiras negras”, coa fin de analizar a situación ambiental das costas galegas, e tamén das estatais, e ditaminar se son aptas ou non para o seu desfrute. Esta asociación, cuxo informe pretende realizar un “resumo dos casos máis destacados de despropósitos ambientais” outorgoulle este ano un total de “seis bandeiras negras ao territorio galego por contaminación ou mala xestión ambiental”,