Cando as bandeiras azuis fan perigar a flora e fauna das praias

O próximo día 22 na praia do Rapadoiro, en Foz, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo entregará as 126 bandeiras azuis a representantes de 36 concellos. En moitos deles, advirte Adega, o hábitat do litoral pode estar en perigo.
photo_camera Imaxe de Adega

A Presidencia da Xunta anuncia a través do seu gabinete a organización o próximo día 22 dun acto protocolario para entregar as bandeiras azuis de 126 praias aos representantes de 36 concellos merecedores deste distintivo outorgado por unha entidade privada. Sen embargo, a asociación ecoloxista Adega, advirte que nalgúns destes areais o hábitat está en perigo e mesmo a propia concesión da bandeira azul pode ser motivo de deterioro ambiental dalgunha desas praias.

A FEE-ADEAC é a entidade encargada de conceder as Bandeiras Azuis, distintivos dos que fan gala as praias para confirmar a súa boa saúde. Sen embargo, os criterios polos que esa consideración é outorgada responden de xeito especial á calidade da auga e dos servizos na tempada estival e esquecen a conservación dos ecosistemas literais. ADEGA lembra que a propia FEE-ADEAC recolle que “pode suceder que a fraxilidade de certos entornos non aconselle a concesión deste tipo de galardón” debido a que un número maior de visitantes podería ser perxudicial para a fauna e a flora do entorno.

Sen embargo, o interese dos concellos do litoral para acadar o distintivo está a levar a prácticas lesivas para a saúde medioambiental das praias como as rozas da flora ou a limpeza mécanica, actividades que para Adega non responden só ao desinterese ou a ignorancia das boas prácticas senón tamén ao “anceio de moitos concellos costeiros por recibir unha Bandeira Azul”.

A equiparación do distintivo co estado das praias leva a que, segundo Adega, “concellos cuxas vilas e cidades carecen de depuración (A Coruña, Vigo, moitos das rías de Pontevedra e Arousa) que ademais practican un urbanismo depredador (Barreiros ou Sanxenxo) ven premiada a súa mala xestión coa Bandeira Azul”. Entornos moitas veces de grande fraxilidade degrádanse con moita maior facilidade co turismo masivo e a sobreexposición ao tráfico ou mesmo coas medidas abrasivas de limpeza que poden contribuír de xeito perxudicial á eliminación de especies protexidas o que sería motivo mesmo de delicto ambiental.

Poñen como exemplo os casos de Corna e Coroso, areais para os que a concesión da Bandeira Azul “supuxo un factor engadido de humanización e degradación e a alteración dun patrimonio natural moi fráxil e escaso”. A asociación ecoloxista denuncia o estado destes areais nos que se ve amenazada a ave píllara das dunas polos efectos das limpezas mecánicas e con maquinaria pesada O desbroce de pasarelas está a causar tamén na praia da Pobra a eliminación de flora en perigo de extinción. Conclúen en Adega que a bandeira azul está a ser “unha marca comercial que pouco tena ver coa conservaci´no dos ecosistemas costeiros e si coa propaganda turística dos concellos”.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios