Correos abre o debate sobre a 'galeguidade' do polbo á feira

Selo do 'polbo á feira' da Galiza. (Foto: Correos).
Correos vén de editar unha serie de selos gastronómicos, a raíz da cal sitúa a orixe do polbo á feira en terras "leonesas ou mesmo estremeñas".

No mes de xullo Correos iniciou un percorrido por todos os territorios do Estado para degustar "selo a aselo, prato a prato" as receitas máis significativas da xeografía nunha serie titulada 'España en 19 pratos'.

O prato estrela da gastronomía galega para Correos é o polbo á feira, protagonista dun selo que desde o pasado 24 de xullo xa forma parte do Catálogo Enciclopédico de Selos do Estado español, cun valor postal de 4,15 euros.

Ás portas da festa do polbo do Carballiño, declarada de interese turístico estatal, e que vai ter lugar este domingo, día 8, na capital da comarca do mesmo nome, saltou a polémica.

Correos asigna á Galiza o seu prato tradicional, mais no texto explicativo que acompaña a presentación do selo atribúelle a súa orixe a "terras leonesas, mesmo estremeñas, segundo algúns", tras destacar que era a comida que elixían os arrieiros maragatos nas feiras, encargados de comercializar o aceite e o pemento, que acompaña o polbo no prato.

Polbo á galega

Mais o polbo á feira leva impreso no nome a súa orixe. "Polbo á galega", resalta o escritor e doutor en Historia Xavier Castro, quen sitúa nas comarcas do interior -O Carballiño, Sarria- a tradición do polbo con aceite pemento e sal en prato de madeira.

"Até a revolución dos transportes, hai poucas décadas, e a revolución dos conxeladores ao interior da Galiza o que chegaba eran as sardiñas do tabal, o bacallau, que resiste moi ben o paso do tempo e as temperaturas elevadas e o polbo seco, que propiciou un dos pratos máis exitosos da gastronomía tradicional: o polbo á feira ou polbo á galega".

Invento de mulleres

Unha fórmula maxistral, di "que consiste en combinar o pemento co polbo, un pouco de aceite e sal, unha unión extraordinaria, simple e poderosa que triunfa en restaurantes e 'chiringuitos' de todo o Estado, competindo coa tortilla de patacas e a paella valenciana".

E neste punto, precisa un aspecto pouco salientado. "Este achado, o do polbo a galega, que aparece como gastronomía de feira é un invento de mulleres, igual que o resto da gastronomía galega, que é creación das cociñeiras".