Pode a Galiza acoller a futura sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial?

Exposición na Coruña sobre a intelixencia artificial. (Foto: Europa Press)
Máis de 40 institucións e empresas relacionadas co desenvolvemento e aplicación nas tecnoloxías intelixentes expresaron xa o seu apoio para que este organismo estea nalgunha cidade da Galiza.

O Goberno español dará inicio esta terza feira, no Consello de Ministras e Ministros, ao proceso para seleccionar a cidade que será sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.

Neste sentido, máis de 40 institucións e empresas relacionadas co desenvolvemento e aplicación nas tecnoloxías intelixentes expresaron xa o seu apoio para que sexa algunha cidade da Galiza a que acolla esta sede.

A candidatura foi formulada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), controlada pola Xunta da Galiza, quen fixo un chamamento a que compañías e organismos do sector secunden a candidatura.

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, confirmou na súa conta de Twitter a apertura deste proceso de selección e destacou o traballo do Executivo estatal para "impulsar o liderado do Estado español a nivel tecnolóxico".

Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

A creación desta axencia foi un dos requisitos do grupo parlamentario Más País-Equo para pactar o seu apoio aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022. Como parte do acordo estabelecíase que a axencia estaría creada antes de final de ano.

De acordo á emenda incluída na lei de orzamentos, esta axencia actuará con independencia respecto ao Goberno español, aínda que dependerá da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e dará seguimento aos proxectos públicos relacionados con esta tecnoloxía a nivel estatal e europeo.

A nova axencia forma parte, á súa vez, dunha lista de novas institucións cuxo futuro se antolla lonxe de Madrid, como a futura Axencia Espacial Española.

En paralelo a esta medida, o Estado español encabezará a partir de outubro a creación do primeiro 'sandbox' para proxectos de intelixencia artificial de Europa, o cal actuará como 'piloto' do novo regulamento de IA que desenvolve a Unión Europeav (UE).