Pode Ferrol ser Patrimonio Mundial da Unesco?

Arsenal de Ferrol. (Foto: Turismo da Galiza)
A candidatura leva por nome 'Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración'.

A Xunta da Galiza, o Concello de Ferrol e a Armada acordaron unir os seus esforzos para impulsar a candidatura da cidade a Patrimonio Mundial da Unesco. As tres entidades escenificaron esta terza feira a súa unión cun acto que tivo lugar no edificio de Ferrarías, sede da Fundación Exponav en Ferrol.

O acto contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Ignacio Froitos.

O proxecto leva por nome 'Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración' e busca conseguir o recoñecemento da Unesco. "É fundamental que todas as administracións implicadas colaboremos, nos coordinemos e traballemos de maneira conxunta para conseguir avanzar con éxito, como demostramos hoxe”, sinalou o conselleiro de Cultura.

Desta forma, porase en marcha un grupo de traballo formado por técnicos das tres administracións para elaborar o documento que se elevará á Unesco. Trátase dun “proceso complexo desde a perspectiva técnica e patrimonial e é necesario buscar todas as sinerxias necesarias".

Outras candidaturas

Ademais de Ferrol, a Administración galega tamén ten sobre a mesa outros dous proxectos para presentar candidatura a Patrimonio Mundial: o das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas e o da Ribeira Sacra.

Segundo o conselleiro, "non hai prioridades" para a Xunta entre estas tres candidaturas. "O que hai simplemente son momentos concretos dos estados de tramitación de cada expediente", comentou en alusión á candidatura da Ribeira Sacra, que foi retirada antes da súa presentación definitiva tras a emisión dun informe desfavorábel por parte do Incomos, órgano asesor da Unesco.

Pola súa parte, o alcalde de Ferrol incidiu na importancia de que as administracións traballen "de maneira conxunta". "Até o momento sometiamos os informes dunha [administración] ás outras, remitiámonos papeis. Pero agora o que queremos é traballar de maneira conxunta para poder ir pechando o traballo que se ten iniciado desde hai tantos anos atrás", engadiu.

Por último, o almirante xefe do Arsenal ferrolán, Ignacio Froitos, manifestou que "aínda queda moito traballo para que esta iniciativa salga adiante" pero que a unión escenificada este martes "coloca as vimbias para poder sacar adiante esta bonita iniciativa, que será moi boa tanto para Ferrol como para a Galiza".