A poboación galega tende a consumir alcol a 'enchentas'

A Asociación Alcólicos Anónimos do Milladoiro prevé unha suba da demanda de 30% após as festas. (Foto: Lorabarra)
As asociacións advirten de que durante as festas do Nadal se bebe máis

Máis de 90% da poboación galega asegura ter consumido nalgún momento da súa vida algunha bebida alcólica, segundo os últimos datos publicados na Enquisa sobre alcol e outras drogas (Edades) elaborada polo Observatorio Español de Drogas -que depende do Ministerio de Sanidade-, referidos a 2020. Ás portas do Nadal, Nós Diario analiza o incremento do consumo de alcol nestas datas.

O psicólogo clínico da Unidade de Tratamento do Alcol e Condutas Aditivas (Utaca), Manuel Lage, confirma a Nós Diario a veracidade destas cifras e mostra a súa preocupación ao respecto. “Observamos un cambio no modelo de consumo [do alcol]”, explica. “Pasamos dun modelo Mediterráneo, caracterizado polo consumo de bebidas fermentadas de maneira regular acompañado de comida, a un modelo anglosaxón, no que se bebe a enchentas, ou binge drinking”.

Nesta liña, o psicólogo explica que inxerir unha gran cantidade de alcol nun lapso curto de tempo pode ser máis prexudicial que o seu consumo diario en pequenas doses, xa que pode derivar en condutas disruptivas, como o incremento da agresividade.

A dous días de Noiteboa, Lage asegura que o consumo de alcol increméntanse durante estas festas. “Tanto no verán como no Nadal dáse unha clara repunta” no consumo de bebidas alcólicas. Desde a Asociación de Alcólicos Anónimos do Milladoiro (Ames), Fernando García [nome figurado] confirma que tamén observan un aumento da demanda dos seus servizos ao finalizar as festas natalicias. “Prevemos un aumento de 30%”, sostén. García tamén explica que no centro do Milladoiro dobrouse o número de persoas que entraron no grupo de apoio só no último ano -o habitual son dez persoas-.

Consumo de bebidas alcólicas entre a mocidade

Tanto Lage como García concordan en que o consumo de alcol durante o Nadal tamén aumenta entre a mocidade. Segundo os datos de Sanidade de 2021, máis de 30% dos adolescentes galegos de entre 14 e 18 anos consumiu alcol no último ano. Neste contexto, Lage explica que desde Utaca “estamos intentando subir [a idade] de inicio no consumo de alcol dos 14 aos 15 anos” indicando que “aínda que pareza pouco, esa diferenza dun ano é moi importante”, xa que “canto máis baixa sexa a idade da persoa, máis posibilidades hai de que nun futuro teña problemas graves”.

Lage sinala o caso curioso que se experimentou durante a pandemia, na que a poboación adolescente deixou de beber mentres que o consumo entre a poboación adulta aumentou. “Observamos unha polarización no consumo de alcol; houbo un grupo que durante o confinamento deixou de beber e que se mantén como abstemio, e outro que agora é bebedor abusivo, como se tivese que recuperar o tempo perdido”.

Aparentemente, a tendencia mantense pois, segundo os datos de Utaca, a unidade experimentou un incremento de 25% no número de persoas que atenden, chegando ás 560 solicitudes de tratamento -arredor de 100 máis que o pasado ano-.

Lage engade que o grupo de idade en que se consume máis alcol é a comprendida entre os 20 e os 40 anos e que 70% das persoas que reciben en Utaca son homes, fronte 30% de mulleres, unha diferenza que tamén se observa no conxunto da sociedade. Mais indica que o número de mulleres bebedoras aumenta.