O Pleno de Santiago debaterá unha moratoria para prohibir a plantación de eucaliptos até 2030

Foto de Compostela tomada desde satélite onde se aprecia a superficie forestal do concello

Unha iniciativa do BNG pretende crear un plan de axudas para plantar "carballos, castiñeiros, sobreiras e froiteiras", segundo explicou a concelleira Goretti Sanmartín Rei, e a corta de eucaliptos "próximos a vivendas, redes viarias e ríos, ademais de impusar unha moratoria até 2030 para evitar novas plantacións e a declaración do Eucaliptus nitens como especie invasora".

Ao tempo que se reunía o Consello Forestal de Galiza na Xunta, o BNG presentaba unha moción en Santiago de Compostela que se debaterá no Pleno desta quinta 21 de decembro para pórlle freo á "eucaliptización" que padece Compostela, como tantos outros concellos galegos que contaron con "plantacións descontroladas e caóticas de eucaliptos no tardofranquismo, nas décadas 60 e 70 do século XX, que produciron unha alteración alarmante da paisaxe, unha mudanza dos usos tradicionais do monte e un monocultivo intensivo”, explicou Sanmartín.

 

Destacou o papel que noutrora tivo Compostela como "referente en políticas ambientais e de defensa do territorio", para agora procurar o apoio da Corporación e impulsar unha moratoria á expansión do eucalipto e desenvolver un plan de axudas e de asesoramento para substituír eucaliptos por especies arbóreas frondosas caducifolias e froiteiras, "como xa fixeron outros concellos galegos”, sinalou.

 

Noutro punto da iniciativa, o BNG reclama medidas fiscais para incentivar a plantación de especias autóctonas e o aproveitamento multifuncional do monte, ademais de demandar que se apliquen as medidas de prevención de incendios que estabelece a normativa galega para a eliminación de eucaliptos, piñeiros e mimosas nas marxes de seguranza de vivendas, autovías, estradas, vías férreas e ríos.

 

A resposta da Alianza Rural Galega no Consello Forestal

 

Logo da xuntanza do Consello Forestal de Galiza, Xosé Alfredo Pereira, da Alianza Rural Galega, cuestionou a falta de participación dos sectores sociais na redacción do plan elaborado pola Xunta e, nese sentido, afirmou que "pode ser legal, pero non é democrático". 

 

Na Alianza Rural Galega reclaman un consenso coa implicación "da xente que vive, traballa e xestiona o ámbito rural", explicou Pereira. Aliás, destacou que para as comunidades de montes este plan da Xunta é "totalmente negativo" porque continúa a apostar na produción de madeira sen alto valor engadido destinada a cultivos enerxéticos, o que incrementa a degradación ambiental e o empobrecemento rural.

 

Este colectivo considera tamén que a Xunta segue sen apostar en loitar contra os lumes forestais cunha dimensión pública "de cara a eliminar a industria do lume". Ademais, denuncia, pretenden entregarlles ás empresas forestais, mediante os chamados contratos de xestión pública, as terras comunitarias de balde, aplicando as falsas e inxustas débedas dos consorcios e convenios".

 

A Xunta tampouco prevé neste documento unha alternativa á forestación ilegal de terras agrarias, "pois non contén pautas e criterios para repor a legalidade e recuperar o terreo agrícola usurpado".

 

Destacan que a política forestal do PP vai afondar "na degradación dos solos e na destrución da capacidade de retención dos recursos hídricos que ten o monte", ademais de configurar un horizonte en que os incendios forestais continuarán a ser un dos problemas ambientais máis importantes de Galiza, "unha creba severa do potencial económico do sector, un grave risco para as persoas e os ecosistemas e unha fonte eterna de gasto público".

 

Na Alianza Rural Galega están representadas CIG, Adega, Fruga, Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra, Asociación pola Defensa da Ría, Comité en Defensa do Monte Galego, Federación Ecoloxista Galega, Ovica, SOS Coello de Monte e Unitega.