O pleno de Folgoso exixe á Xunta a mudanza do contrato para o transporte escolar

Concentración ante o Concello de Folgoso do Courel. (Foto: Cedida)
A ANPA e a asociación veciñal de Baamonde tamén convocaron unha manifestación para protestar pola suposta intención do Concello e da Xunta de fechar o Colexio de Infantil e Primaria.

O pleno do Concello de Folgoso do Courel acordou exixir á Xunta que modifique ou anule a contratación do transporte escolar na zona, tal e como está agora, porque contempla “fallos técnicos” e de sustento para o municipio.

Após a presentación dunha moción urxente preparada por C@urel Vivo e o PSOE, votouse a favor de que o Goberno galego estabelezca un contrato único para Folgoso do Courel.

O concelleiro de C@urel Vivo Óscar Carrete concreta que se apoiou por unanimidade solicitar á Consellaría de Educación que volva licitar a contratación do transporte na zona 27. O obxectivo é que se considere “o municipio como unha única zona, con vehículos de hasta 9 prazas e 6 rutas, como está actualmente para manter a calidade do servizo”.

Aliás, demandarase que teñan preferencia os autónomos ou empresas locais e que as tarifas por quilómetro sexan as mesmas. Estas consideracións son apoiadas por unha boa parte da cidadanía, que onte pola mañá xa organizou unha concentración reivindicativa. De non conseguir a atención do departamento que dirixe Román Rodríguez, pretenden denunciar “a vulneración de normativas e discriminacións”.

Posíbel fechamento

Por outra banda, a Asociación de Nais e Pais do CEIP de Baamonde e a Asociación de Veciños Montenegro de Baamonde veñen de convocar unha manifestación contra o fechamento do colexio do pobo que, supostamente, pretenden levar a cabo a Consellaría de Educación e o Concello de Begonte. A cita será este domingo ás 11.30 horas na igrexa da vila.

A ANPA asegura que a delegación deste departamento en Lugo deulles varias versións sobre este plan de futuro e queren facerse oír coa concentración, mais tamén con “potas e outros utensilios”.

A marcha comezará na igrexa e recorrerá a N-VI até a glorieta coa N-634, onde se procederá á lectura dun comunicado. Posteriormente, a manifestación seguirá até o CEIP de Baamonde. Demándase a participación de toda a veciñanza e os estabelecementos, polo que se solicita o fechamento dos negocios de Baamonde, Pacios, Vilariño, Bóveda, Pacios, Pígara e Soexo durante unha hora.