O colexio do Courel denuncia que a Xunta os deixa sen transporte escolar

Taxis en Folgoso do Courel (Foto: Cedida)

Critican que na adxudicaciónn dos lotes que propón a Consellaría de Educación para o transporte escolar non se teñen en conta as particularidades dos concellos da montaña

O redeseño da rede de transporte escolar no que traballa a Consellaría de Educación amenaza con deixar sen emprego a varias familias de Folgoso do Courel. Así o denuncia Lourdes González, directora do CPI Poeta Uxío Novoneyra desta localidade.

Segundo explica, na contratación relativa ao transporte escolar a partir do curso 2021/2022, o departamento que dirixe Román Rodríguez establece varios lotes de transporte aos que pode acceder unha empresa ou unha unión de empresas. 

No caso do lote 27, que afecta a Folgoso do Courel, inclúe este concello de montaña xunto cos de Pobra de Brollón, Bóveda, o Incio, Ribas de Sil e un IES de Monforte de Lemos (o IES Daviña Rey) e prioriza o feito de ter base nesta última localidade. 

Na actualidade, o transporte escolar en Folgoso do Courel está a ser realizado por taxistas autónomos e residentes no concello que non posúen os medios materiais para realizar o transporte de 5 concellos máis, recoñece a directora do centro. 

Na mesma liña, engade que a contratación que está a propor a Consellería de Cultura, Educación e Universidades imposibilita que estas persoas poidan continuar co seu traballo no transporte escolar, o que provocaría "non só unha perda económica para cada un dos taxistas e das taxistas, senón o feche desta actividade económica para eles, perdendo o concello postos de traballo e o servizo de taxi".

Peor servizo ao alumnado

"Coa nova licitación o que vai acontecer é que unha empresa grande con sede fóra do concello, asumirá o servizo de transporte deixando a 6 autónomos, e por tanto 6 familias do Courel, sen traballo e sen servizo de taxi fóra do horario escolar", insiste a directora.

Lourdes González considera que a nova licitación tamén empeora o servizo ao alumnado, xa que para optar a esta contratación se lle esixe á empresa ter vehículos de 10-25 prazas (microbuses) que non poderían entrar nas aldeas, como sí o fan agora os taxistas coas súas furgonetas, de entre 7 e 9 prazas. Isto levaría aparellado unha merma dos tempos, agravada pola redución de rutas (de 6 a 4), que faría que o alumnado permanecese máis dunha hora no transporte escolar, superando así os límites permitidos. 

Ante esta situación, desde o centro solicitan a anulación ou modificación do lote 27 e a consideración do concello de Folgoso do Courel como zona única, priorizando tamén a contratación de persoas autónomas ou empresarios locais para realizar este servizo, e o mantemento das seis rutas actuáis.