O Pleno da Deputación de Lugo solicita a dimisión da conselleira de Sanidade

Rocío Mosquera.

Os votos de socialistas e nacionalistas recriminan publicamente a Rocío Mosquera pola deturpación no Parlamento por parte do Partido Popular da ILP que quería impedir que doentes da provincia teñan que facer centos de quilómetros para tratar as súas enfermidades.  

 

A Deputación de Lugo pediu, cos votos a favor de PSOE e BNG, a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por considerala a responsábel de non dotar de novos servizos, como Hemodinámica as 24 horas, ao Hospital público da capital provincial (HULA) e así obrigar a doentes a longos desprazamentos. 

A iniciativa partiu do grupo socialista, encabezado polo propio presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que así quixo amosar a oposición ás emendas que introduciu o PP na ILP para dotar de máis servizos ao HULA e que "desvirtuaron" a propia iniciativa, impulsada pola federación veciñal entre outros colectivos.

"A conselleira non quere nin sentarse connosco, é unha autista", protestan desde as asociación de veciñ@s

Precisamente, antes do Pleno case un centenar de veciñ@s, vari@s enfermos que teñen que realizar diariamente máis de 100 quilómetros para radiarse na Coruña, concentráronse ás portas do pazo provincial. Durante esta protesta, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, acusou á conselleira Mosquera de ser "unha autista e un auténtico muro". "Nunca se sentou connosco, nunca nos recibiu. É algo inaudito o desta señora", engadiu.

Durante a sesión, o BNG, a través do deputado Mario Outeiro, xustificou a petición de cesamento de Mosquera polo “atropelo e atentado" que supón a "deturpación", segundo dixo, da ILP coas seis emendas que introduciu o Partido Popular no Parlamento galego.