A plataforma veciñal contra a mina de Touro celebra a fin "dun proxecto sen garantías"

Salienta a “resposta social e cidadá” fronte ao proxecto.

 A plataforma veciñal Mina Touro -O Pino  NON celebrou a fin do que considera que era un proxecto "sen garantías" tras coñecerse na xornada desta terza feira que a Xunta denega o proxecto tras a declaración de impacto ambiental desfavorábel.

Nun comunicado remitido aos medios, a plataforma lembra os tres anos de "resposta social" contra este proxecto, con "informes técnicos negativos e centos de organizacións sociais e locais que se mobilizaron con contundencia contra o que era máis que evidente"

Con todo, "a pesar das evidencias", a plataforma lamentou que se tivese que esperar até esta semana, "un ano despois da declaración de impacto ambiental negativa", a que a Dirección  Xeral de Planificación  Enerxética e Recursos  Naturais dese a coñecer a súa decisión de comunicar a resolución negativa do proxecto ao mercantil Cobre San Rafael SL.

A plataforma, que explica que aínda non coñece a resolución a pesar de figurar como interesada na causa, espera que esta lle sexa remitida "o antes posíbel" e "sen ter a necesidade de requirila vía rexistro electrónico".

Neste sentido, considera "esencial" que as administracións permitan que a cidadanía e as organizacións ambientais teñan dereito ao acceso á información pública "en tempo e forma" para que se lle permita defenderse.

"De non ser pola resposta social e cidadá, este proxecto e moitos outros de similares características son susceptíbeis de aprobación sen ningún tipo de supervisión, nin comprobación, con todas as catastróficas, terribles, calamitosas repercusións e ausencia de garantías que implican para o medio natural, cultural, como así quedou demostrado no caso do proxecto da mina de Touro", apunta.