A Xunta comunicou á empresa a resolución pola que denega a aprobación do proxecto da mina de Touro

Manifestación contra a mina de Touro e O Pino na compostelá praza do Obradoiro (Imaxe: Europa Press).

A resolución da Consellería de Economía dá continuidade ao rexeitamento de Medio Ambiente en xaneiro de 2020 pola falta de "sustentabilidade ambiental".

A Xunta comunicou a resolución pola que denega a aprobación do proxecto para a reapertura da mina de cobre entre os municipios de Touro e O Pino.

Deste modo, a resolución da Dirección  Xeral de Planificación  Enerxética e Recursos  Naturais -dependente da Consellería de Economía- pon fin ao proxecto ao dar continuidade á declaración de impacto ambiental desfavorábel emitida en xaneiro de 2020 pola Consellería de Medio Ambiente.

Esta resolución foi notificada á empresa, Cobre San Rafael SL. Así, a Xunta remarca que calquera iniciativa mineira debe contar con "todas as garantías técnicas, ambientais e urbanísticas, e todos os requirimentos que marca a lexislación".

Ademais, esta resolución da  Xefatura Territorial tamén rexeita a aprobación do plan de restauración presentado para esta actividade mineira, xa que, entre outros motivos, corresponde a un proxecto de explotación rexeitado. Está previsto remitir nos próximos días un segundo requirimento á empresa para solicitar a actualización deste plan de restauración.

Na declaración de impacto ambiental negativa emitida pola Consellería de Medio Ambiente en xaneiro de 2020, apuntábase a que "non se garantía a sustentabilidade ambiental".

O proxecto para a reapertura da mina de Touro atopouse con forte rexeitamento social desde os seus comezos, coa posta en marcha dunha activa plataforma veciñal, unido a múltiples mobilizacións na comarca.

Atalaia Mining (que cotiza en bolsa en Londres e cuxos socios de referencia son un grupo chinés e outro con sede en Suíza) e Explotacións Galegas (propietaria do terreo, que extrae áridos e á que a Xunta abriu varios expedientes) son as compañías promotoras de Cobre San Rafael, que impulsa a explotación dunhas 700 hectáreas de superficie.