A Plataforma polo dereito ao aborto pedirá amparo ao Valedor perante a reforma do PP

Plataforma galega polo dereito ao aborto

Chaman a participar a todas as mulleres presentando un escrito no que instan o Valedor a pedir a retirada dun anteproxecto de lei que, din, "adoece de vicios de inconstitucionalidade" e "vulnera" os Dereitos fundamentais. 

 

A Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto presentou esta sexta feira máis unha acción para reivindicar o dereito ao aborto e exixir a retirada do anteproxecto de Lei dos dereitos do concibido e da muller grávida. 

Através dun escrito que animan a presentar perante o Valedor a todas as mulleres, demandan da institución que as ampare "na protección dos dereitos democráticos que [lles] son inherentes" para o que solicitan, a elaboración dun informe "para que o Goberno da Xunta de Galiza esixa, de forma urxente, a retirada inmediata deste anteproxecto de lei e, caso prosperar a súa aprobación, interpoña recurso de inconstitucionalidade". 

Defender os dereitos fundamentais das mulleres

Segundo denuncian desde a Plataforma a reforma presentada polo executivo de Mariano Rajoy "adoece de vicios de inconstitucionalidade" por "afectar e vulnerar" os seus Dereitos fundamentais, a comezar polo principio de igualdade e non discriminación da Constitución española. Aliás, subliñan, "a aprobación do devandito anteproxecto de lei supón o incumprimento por parte do Reino de España dos tratados internacionais asinados relativos a Dereitos Humanos e á non discrimiación". 

Neste senso, perante o rexeitamento, en sucesivas ocasións, da Xunta de Galiza "a defender o dereito á igualdade" e os dereitos que "como mulleres" lles asisten demandan que o Valedor do Pobo inste a Xunta a reclamar a "retirada inmediata" da reforma.